Galicia

Este mércores, suben as temperaturas, pero aínda non chega o verán

Durante este mércores, Galicia estará nunha situación intermedia entre altas e baixas presións e, de cara á noite, chegará unha fronte pouco activa. Con esta situación, agárdanse ceos con máis nubes canto máis ó oeste de Galicia e ceos máis despexados no resto. As temperaturas mínimas ascenderán lixeiramente mentres que as máximas ascenderán de xeito moderado en xeral acadando valores máis propios da época do ano. Por cidades, a máxima estará en Ourense, con 31º, A Coruña, Ferrol e Lugo, con 24 e Vigo con 21º.

Segundo as previsións de MeteoGalicia, o xoves, unha fronte entrará en Galicia ás primeiras horas, aínda que progresivamente se irá impoñendo a influencia anticiclónica. Con esta situación agárdanse intervalos anubrados, con precipitacións na metade norte pola mañá. Xa durante a tarde iranse abrindo claros, máis abundantes canto máis ó sur. As temperaturas sufrirán un descenso entre lixeiro e moderado en xeral, agás nas Rías Baixas, onde mesmo terán un lixeiro ascenso.

Durante o venres Galicia estará baixo influencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse ceos pouco anubrados en xeral, con algunhas nubes no litoral norte. Bancos de néboa matinais en zonas do interior. As temperaturas mínimas non terán cambios ou un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un ascenso en xeral, agás no litoral atlántico onde sufrirán un lixeiro descenso.

 

También te puede interesar