Galicia

Preto de 3.400 personas examínanse esta fin de semana do Celga, dentro e fora de Galicia

As probas para obter a Certificación do coñecemento de lingua galega (Celga) comezan esta fin de semana cun total de 3.360 persoas matriculadas en Galicia e no resto do Estado. Os primeiros exames, os do Celga 4 e os do Celga 2, realizaranse durante hoxe, sábado, e mañá, domingo, respectivamente. As probas para os niveis 3 e 1 terán lugar a vindeira fin de semana, o sábado 8 e o domingo 9.

Por niveis, as persoas matriculadas no Celga 1 suman 244, as inscritas no Celga 2 ascenden a 1028, as do Celga 3 acadan as 952 e as do Celga 4 son 1.436. Delas, matriculáronse para faceren as probas fóra de Galicia un total de 248 persoas (62 en Barcelona, 92 en Madrid e 94 en Ponferrada).

Deste xeito, as probas Celga 2013 realizaranse, como vén sendo habitual, en nove cidades, dentro e fora de Galicia. Aquí serán nas escolas oficiais de idiomas das cidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. No resto do Estado español, os exames realizaranse en Ponferrada, tamén na Escola Oficial de Idiomas; en Madrid, na Casa de Galicia, e en Barcelona e na Universitat Autónoma.

Todas as probas constan de dúas partes. Os examinandos realizarán primeiro a proba escrita e, a continuación, de xeito individual e coa presenza de dous técnicos avaliadores, a proba oral, que será gravada.

Que é o sistema Celga?

O Celga é o sistema de certificación de coñecemento de lingua galega adaptado ao Marco común de referencia para as linguas, que proporciona unha base común para a elaboración de programas de linguas, orientacións curriculares, exames, manuais etc. en toda Europa. Este sistema confígurase en distintos niveis de coñecemento. Para isto, recolle as habilidades que reflicten a competencia comunicativa nas distintas destrezas e agrupa os contidos en lingua e comunicación – aqueles aspectos relacionados coas funcións comunicativas – e lingua e sistema  -os vinculados co coñecemento do código e contidos socioculturais -.

Plan de Formación en Galego 2013

A realización das probas Celga é unha das actuacións que se inclúen no Plan de Formación en Galego 2013. Ademais do sistema de acreditación do coñecemento da lingua galega, este plan tamén incide nas áreas de formación lingüística xeral e específica e na elaboración de materiais e recursos para a aprendizaxe do galego.

A utilización das tecnoloxías da información e da comunicación para darlle resposta ás necesidades de formación da sociedade actual é unha das apostas deste Plan de Formación en Galego 2013. Tal é así que na súa oferta de formación inclúe cursos en liña preparatorios para os Celga e tamén cursos de linguaxes administrativa e xurídica.

 

También te puede interesar