Galicia

A OCU denuncia na Fiscalía a venda de Preferentes sinalando que o 80% dos afectados son maiores de 70 anos

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) presentou este martes unha denuncia ante a Fiscalía Xeral de Estado pola venda masiva de participacións preferentes a aforradores sen cualificación financeira, a maioría dos cales teñen idade avanzada e non contan con coñecementos financeiros suficientes.

A asociación de consumidores considera que a comercialización de preferentes “supuxo un grave prexuízo económico para centos de miles de familias que, fiándose dos consellos e recomendacións do persoal da súa oficina bancaria, traspasaron os seus fondos dende produtos seguros cara ás chamadas participacións preferentes”.

Para os responsables desta organización, e dacordo coas declaración de milleiros de afectados, “as entidades financeiras se aproveitaron da confianza dos seus clientes facéndolles inverter todos os seus aforros nun produto de alto risco”. Ademáis, subliña que no deseño da comercialización deste produto “se buscou deliberadamente o saneamento da entidade a custa dos aforros de toda a vida de miles de familias”.

A OCU advirte na denuncia que segundo as estatísticas, preto do 90% dos afectados ofrece un perfil de aforrador tradicional e o 80% son maiores de 70 anos que depositaron os seus aforros en entidades financeiras “sen ser conscientes na inmensa maioría das ocasións de estar a subscribir un produto de alto risco financeiro”.

A denuncia conclúe asegurando que “enfrontámonos a un conflito sen precedentes na nosa historia democrática dende o punto de vista da afectación dos intereses económicos dos consumidores. Un conflito que sen dúbida formará parte da nosa historia e forxará futuros desenvolvementos normativos, como aconteceu tamén coa traxedia da colza”.

 

También te puede interesar