RGPD - Cookies
Galicia

Dende 2008 Galicia perdeu 216.000 empregos

Oficina de Emprego de López Mora/Tresyuno Comunicación

A crise provocou a destrución de 216.000 empregos dende o seu inicio, que se deixou notar no mercado laboral galego no terceiro trimestre de 2008, ata a actualidade, de acordo cos datos achegados por CC.OO. nun informe sobre a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do primeiro trimestre de 2013.

O documento destaca que o primeiro trimestre deste ano é o peor dende 2010. Entre xaneiro e marzo deste último ano o emprego caeu en 41.800 persoas, mentres que no mesmo período de 2013 o descenso foi de 27.500, do que se deduce que non é certo que frease a destrucción de emprego, máis ben o contrario, sinala a central sindical.

Comisións subliña que son xa 17 trimestres de caída da ocupación, con algunhas excepcións pola estacionalidade do verán, que levaron por diante o 18% do emprego que había antes de comezar a crise.  Ademais, o informe amosa que no primeiro trimestre se consolida un “retroceso de dimensións históricas» no volume de emprego de Galicia, ao quedar o número de ocupados por debaixo do millón de persoas, o cal non sucedía dende o ano 2000, de xeito que na crise destruíuse todo o emprego que se creara na máis intensa e longa fase expansiva da economía galega.

CC.OO. sinala que todos os sectores sufriron destrución de emprego, pero destaca a situación da industria, que perdeu o 30% dos seus postos de traballo dende que comezou a crise. No último ano desapareceron 15.800 empregos, un 9% dos que había e, sumados aos dos anos anteriores, disparan ata os 67.000 os postos de traballo destruídos na industria dende que no ano 2008 a crise comezase a golpear o emprego en Galicia.

 

También te puede interesar