RGPD - Cookies
Galicia

O BNG propón no Congreso o cambio da lei para evitar perdas aos Afestados polas Preferentes

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexistrou unha proposición de lei no Congreso na que esixe que se modifique a Lei de Reestruturación e Resolución de Entidades de Crédito, vixente dende novembro, para que os afectados pola comercialización irregular de participacións preferentes e débeda subordinada non sufran ningún tipo de perda e poidan recuperar a totalidade da súa inversión máis unha indemnización.

Segundo o texto, baseado no Memorando de Entendemento (MoU) do rescate financeiro que España, este leva consigo un «espolio a miles de persoas que colocaron os seus aforros en produtos híbridos sen ser informados do seu alto risco e, en ocasións, sen o seu consentimento».

Os nacionalistas galegos acusan o Goberno de asumir «non só unhas condicións gravosas para a maioría de cidadáns, senón de forma especialmente grave para miles de pequenos aforradores posuidores de preferentes e débeda subordinada» a pesar de ser coñecedor da «estafa masiva» que se producira.

Por iso, o BNG esixe «que non se apliquen os mecanismos legais vixentes que establecen a asunción obrigatoria de perdas polos posuidores» deste tipo de títulos, algo que, ao seu xuízo, debe pasar pola «devolución íntegra do nominal invertido sen que se apliquen rebaixas ou descontos de ningún tipo».

Neste sentido, o Bloque propón modificar cinco artigos da Lei de Reestruturación e Resolución de entidades de crédito para especificar que «cando os adquirientes ou posuidores dos instrumentos híbridos de capital ou débeda subordinada sexan aforradores ou pequenos investidores sen experiencia financeira que non recibisen información axeitada do instrumento adquirido» non lles sexan aplicables as previsións que se inclúan nos plans das entidades emisoras.

Ademais, inclúen na súa proposta que se garanta a estas persoas «a devolución íntegra do nominal invertido así como a indemnización por danos e perdas que sufrisen», e que non se lles poidan impoñer «perdas, quitas ou aprazamentos» no pagamento dos intereses correspondentes.

Finalmente, o BNG esixe que sexa o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) que revise «de oficio» no prazo máximo de dous meses todos os expedientes desta natureza que se produciran en entidades nas que participe de xeito maioritario en referencia a Bankia, Novagalicia Banco e Catalunya Banc.

 

También te puede interesar