Vigo al día

A metade dos traballadores galegos da construcción perderon o seu emprego dende 2007

Dende o inicio da crise destruíronse no sector da construción en Galicia un total de 54.945 postos de traballo asalariado, o 50,64% dos existentes no ano 2007 (106.945), segundo datos dun estudo realizado pola Confederación Intersindical Galega (CIG). Na provincia de Pontevedra a destrución de emprego foi maior: si no ano 2007 había 36.929 traballadores asalariados, agora, segundo datos da Seguridade Social, hai 16.336 afiliados, o que supón 20.543 menos, e unha  destrución do 55,76% dos existentes en 2007 que eran 36.929.

A central sindical denuncia que  pesares dos dramas persoais e familiares que existen detrás destas cifras, “as Administracións públicas seguen a mostrar unha total insensibilidade ante os mesmos, permitindo que nas obras da súa titularidade se vulnere a lexislación vixente en materia de xornada laboral, impedindo deste xeito o acceso a un posto de traballo a algún dos milleiros de desempregados do sector”.

A CIG sinala que que Concellos, Deputacións, Xunta ou Goberno español priman os prazos de execución por riba dos intereses dos traballadores e que en todas estas obras  “realízanse  cantidades desmesuradas de horas extraordinarias”. Como exemplo menciona as obras da Estación de Tren de Vigo, “onde moitas da empresas que traballan na mesma obrigan a realizar xornadas superiores ás dez horas e traballar en sábados e en festivos”.

O estudo pon de manifestó que as sucesivas reformas laborais e da Seguridade Social levadas a cabo polo Goberno non prevén alternativas nin a longo prazo: á rebaixa das indemnizacións e ao recorte na contía da prestación por desemprego engádese o pasar de 52 a 55 a idade anos para poder acceder ao subsidio de desemprego, de especial incidencia nun sector onde moitos traballadores atópanse nese tramo de idade”.

A maiores, advirte o sindicato, “o habitual é que non se cotice nin a Facenda nin á Seguridade Social por estas horas extraordinarias”, entre outras razón porque non se pagan, e si se pagan adoita ser en negro e en cantidades moi inferiores ás estipuladas na negociación colectiva.

A CIG salienta que ten levado adiante múltiples iniciativas para tratar de evitar os despropósitos desta situación: preguntas parlamentarias, denuncias ante a Xunta, impulso de comisións de seguimento e mobilizacións. Sen ir máis lonxe, na actualidade solicitou unha reunión da comisión seguimento sobre a obra da estación de Vigo. “De non dar resultado as negociacións, retomaremos as mobilizacións que, de producirse, abranguerían as obras de todas as Administracións públicas que se están a realizar en Galicia”.

 

También te puede interesar