Comarcas

O BNG pide a rehabilitación da biblioteca munipal de Mondariz

Estado actual de la biblioteca municipal de Mondariz

O BNG de Mondariz presentara no vindeiro pleno da corporación unha iniciativa para a redacción do proxecto de rehabilitación e redifinición de espazos da biblioteca, informaron hoxe fontes nacionalistas.

A través dunha nota de prensa, lembran que o edificio, situado no centro da vila, está actualmente en estado de abandono. O obxectivo é o de recuperar o inmoble para transformalo nunha instalación  multifuncional  e moderna, facilitando o acceso ás novas tecnoloxías e a cultura os veciños , máis aínda, nestes intres de crise económica, que impiden tal acceso a moitas familias.

O inmoble da antiga Biblioteca Municipal de Mondariz, permanece pechado  dende o 2007 debido ó mal estado no que se atopan as instalacións do edificio.

Dita situación, “é consecuencia do abandono  ao que ten sido sometido o inmoble dende a súa construción por parte do goberno do PP en Mondariz, quen nunca adicou recurso algún para garantir o seu  mantemento e conservación a pesares da inmellorable localización do recinto”, manifestou o portavoz municipal do BNG, Xosé Emilio Barros.

Barros sinalou que este desleixo por parte do goberno de Julio Alén para modernizar as instalacións, forzou o traslado “provisional” -según afirmacións do alcalde no seu momento- das instalacións da biblioteca a unha aula da antiga escola de Riofrío-Vilar, onde permanece dende hai 5 anos sen valorizar e nunha situación de total precariedade.

No seu día, o PP plantexou a demolición de tal inmoble do centro da vila, en contra da posición que defendeu o BNG, que “apostamos pola rehabilitación do inmoble” e lembrou que “todas estas cuestións non foron tidas en conta polo grupo de goberno e optou incomprensiblemente polo traslado das instalacións, pola construción dun novo e faraónico inmoble que o alcalde cuantificaba en máis de 1,3 millóns de €, seguindo a estela doutros exemplos  de obras públicas infrautilizadas”.

Compre sinalar, que nos últimos anos o concello ven recibir unha serie de achegas extraordinarias -plans de inversión estatais e provinciais- por valor de aproximadamente 2 millóns de euros, a maiores do propio orzamento municipal, “e que o goberno municipal non foi quen de saber priorizar, malgastando fondos públicos en obras como a de unha piscina, pechada e en estado de abandono”, comentaron dende o BNG.

Os nacionalistas reclaman do alcalde que xestione coa máxima urxencia a implicación por parte da Xunta e da Deputación Provincial neste proxecto, por tratarse dun servizo prioritario para Mondariz.

También te puede interesar