RGPD - Cookies
Deportes

A Selección Galega Feminina, prata, e a masculina, bronce, no ‘Torneo Cadete Galicia’ de balonmán

A selección galega cadete feminina acadou o subcampionato e a masculina, o bronce na última xornada do Torneo Internacional Cadete Galicia 2012, que se celebrou entre os días 28 e 30 de decembro na comarca do Salnés.

O equipo feminino, que xogaba en Meaño, lograra o primeiro posto no seu grupo a cal permitíalle loitar polo título contra Euskadi. Foi un gran partido para pechar un gran torneo, no que Euskadi soubo manexar mellor o encontro e levalo ao seu terreo. 12-16 ao descanso. Na segunda parte, o partido seguiu a mesma tónica, con Euskadi nun 5-1 con moita mobilidade e sempre con 3 ou 4 goles de diferenza. A falta de 10 min Galicia abre a defensa intentando a remontada e incluso chegou a colocarse a dous goles de distancia. Pero aí rematou a forza das galegas e nos instantes finais Euskadi foise no marcador ata o 22-30 final.

Na categoría masculina, Galicia loitaba polo bronce fronte a Madrid e o choque foi dominado polos locais dende o principio con dous ou tres goles arriba. O acerto nos lanzamentos e unha defensa efectiva por momentos permitiulle aos galegos conseguir unha vantaxe de ata 8 goles.

No segundo tempo o equipo madrileño sobre a base de defensa mixta logrou igualar o marcador pero o sangue frío dos galegos permitiulles manexar vantaxes de tres e catro goles que non fixeron perigar o marcador.

Na loita polo título, logrou a primeira posición Castela e León, que gañou na final a Euskadi (42-38). Este torneo xurdiu ante a necesidade de cubrir o oco que deixou vacante a suspensión do Campionato de España Cadete e a Federación Galega decidiu comezar a traballar na organización deste evento para corresponder dalgunha forma ao esforzo de xogadores, técnicos e familias, despois de varios meses adestrando. Ao final, en Galicia 2012 participaron sete federacións territoriais (Cantabria, Castela e León, Extremadura, Euskadi, Madrid, Asturias e Galicia) e unha portuguesa (Oporto).

 

También te puede interesar