Ciencia y Tecnología

Se non estás vacinad@ contra a gripe podes facelo ate finais de ano

Sanidade salienta a importancia de vacinarse fronte a gripe -xa que é a mellor forma para protexerse fronte esta enfermidade e evitar as complicacións asociadas á mesma- e destaca que as persoas que aínda non o fixeron poderán vacinarse ata final de ano.

Neste sentido, “a vacinación é a intervención máis importante para diminuír a transmisión e previr a infección gripal e as súas consecuencias sanitarias. O obxectivo principal da campaña é diminuír o número de casos da gripe, as complicacións graves e as posibles mortes causadas por esta doenza, especialmente nos grupos de risco”.

A da gripe é unha das vacinas máis usadas nos países desenvolvidos –máis de 500 millóns de doses anualmente-, e este gran consumo posibilita facer estudos de seguridade que certifican que esta vacina é extremadamente segura. Trátase dunha vacina inactivada, formada por partículas da cuberta de virus mortos, polo que é imposible que cause a enfermidade.

A inmunoprotección mantense durante moitos meses fronte ás cepas contidas na vacina. A medición da eficacia da vacina da gripe non é fácil, pero estudios recentes avalían a eficacia da mesma entre un 50% e un 65% nos adultos sans, porcentaxe que resulta inferior ao de outras vacinas habituais debido a factores como as mutacións deste virus.

Sintomatoloxía máis leve nas persoas vacinadas

Os estudios mostran así mesmo que a vacina protexe máis fronte a hospitalizacións que fronte ao seu padecemento, xa que se ben se pode producir un cadro gripal en persoas correctamente vacinadas, este amosa normalmente unha sintomatoloxía moito máis leve. Factores como a idade avanzada e un estado inmunitario precario inflúen na súa efectividade, polo que a vacinación de persoas en contacto con estes pacientes -como familiares, coidadores e persoal sanitario- axuda a reducir o risco de hospitalización e morte.

En todo caso, é bastante habitual confundir a gripe con outras doenzas respiratorias, se ben a vacina da gripe só protexe fronte á infección polo virus desta enfermidade e non fronte a aquelas causadas por outros virus respiratorios, polo que unha persoa vacinada ten a mesma probabilidade de padecer catarros non gripais que unha persoa que non o estea. Así mesmo, fan falla 15 días para que a vacina empece a protexer, polo que si unha persoa está incubando a gripe nos días anteriores ou inmediatamente posteriores á inmunización, a vacina non protexerá.

Síntomas da gripe

A gripe é unha enfermidade infecciosa, moi contaxiosa, causada por un virus, leve na maioría dos casos, que presenta síntomas como febre igual ou maior a 38º -sobre todo os dous primeiros días-, tose, dor de garganta, dor de cabeza, dor muscular, malestar xeral, conxestión nasal, esbirros e, tamén, vómitos e diarrea.

Actualmente a gripe é a enfermidade inmunoprevenible máis habitual nos países desenvolvidos, estimándose que afecta anualmente a entre o 5 e o 15 % da poboación, dependendo da onda epidémica de cada ano. Isto significa que en Galicia afecta a entre 140.000 e 420.000 persoas cada ano. Nas persoas de risco a gripe pode presentar complicacións, agravamento das enfermidades crónicas que presentan esas persoas e incluso falecementos.

Transmisión do virus

O contaxio prodúcese persoa a persoa, principalmente polo aire, a través das gotiñas de saliva e secrecións nasais que se expulsan ao tusir, falar ou esbirrar. Ademais, o virus pódese transmitir tamén indirectamente ao tocar algo que estea contaminado con el e ao levar as mans aos ollos, o nariz ou a boca.

O virus pode transmitirse desde un día antes de comezar cos síntomas ata sete días despois, aínda que este período pode ser máis longo nalgunhas persoas. Nos nenos o tempo durante o que o virus pode contaxiar pode ser máis prolongado, incluso unha vez desaparecidos os síntomas da enfermidade.

O virus é moi estable en condicións de baixa temperatura e humidade, situacións que nas que soen predominar as actividades de interior e o contacto estreito entre persoas, favorecendo aínda máis a súa transmisión. Os colexios, residencias de anciáns, centros de coidados especializados e hospitais facilitan este contacto e adoitan ser orixe de abrochos de enfermidade, que poden diseminarse ao resto da comunidade.

Campaña de vacinación

A campaña de vacinación contra a gripe da Consellería de Sanidade está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e ás pertencentes aos grupos de risco, que son os cidadáns con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; aquelas con procesos crónicos que estean institucionalizadas e as que teñan enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes de seis meses e ata 18 anos con tratamentos prolongados de aspirina; as que teñan obesidade mórbida, así como as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Na poboación diana inclúense os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outros persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e as que desenvolven labores esenciais para a comunidade, como é o caso de policías ou bombeiros; así como os viaxeiros internacionais e aqueles que pola súa ocupación poden estar en contacto coas aves.

Os interesados en vacinarse deben pedir cita polos mecanismos habituais ou poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lle informarán de como e onde solicitala.

 

Te podría interesar