Galicia

220 prazas para o programa ‘Xuntos polo Nadal’

A Consellería de Traballo e Benestar ven de convocar un total de 220 prazas para o programa ‘Xuntos polo Nadal’ que permite, aos maiores que non teñan con quen pasar estas datas, estar acompañados nas residencias de tempo libre do Carballiño (Ourense) e Panxón (Nigrán, Pontevedra), dependentes do departamento autonómico.

Este programa vaise desenvolver entre o 23 de decembro e o 1 de xaneiro de 2013. Ten unha duración de 10 días (9 noites). As solicitudes, acompañadas de fotocopia compulsada do DNI, informe social e declaración responsable, pódense presentar ata o próximo día 5 de decembro.

Convócanse un total de 220 prazas distribuídas do seguinte xeito: 100 prazas na residencia de tempo libre de Panxón (50 para beneficiarios da provincia de Lugo e outras 50 para os de Ourense); e 120 prazas na residencia de tempo libre do Carballiño (60 para beneficiarios da provincia da Coruña e outras 60 para os de Pontevedra). O lugar de saída e regreso serán os Centros Sociocomunitarios da Coruña, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.

Para ser beneficiario deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos: Ser maior de 65 anos ou de 60, sendo pensionista; residir en Galicia; non padecer enfermidade infecto – contaxiosa activa nin trastornos mentais ou condutuais que poidan alterar a convivencia; non estar acollido en ningún centro residencial; ter un nivel de ingresos económicos baixo e ter que pasar só as datas do Nadal.

O programa será gratuíto para as persoas coas rendas máis baixas, mentres que aqueles cuns ingresos superiores contribuirán cunha achega de 50 €. Todos os participantes no programa faranse cargo dos gastos de desprazamento desde o seu domicilio ata o lugar de saída e chegada.

As persoas interesadas pódense dirixir aos servizos sociais comunitarios dos concellos, aos centros de saúde, ou aos departamentos territoriais e centros sociocomunitarios de Benestar dependentes da Consellería. Para máis información poden chamar ao teléfono social 900 333 666 ou consultar o portal de Benestar da web da Consellería.

 

También te puede interesar