Vigo al minuto

A CIG querelarase contra o conselleiro Guerra por presunta prevaricación na venda de Alfageme

A responsábel comarcal da FGAMT-CIG do Salnés  anunciou este luns que a central nacionalista está a ultimar a querela contra o conselleiro de Industria, Javier Guerra, por presunta prevaricación no proceso de venta da conserveira Alfageme. Rosa Abuín fixo o anuncio ao remate da xuntanza mantida hoxe entre o comité de empresa e a administración concursal da compañía na planta de Vigo.

Abuín denunciou o “engano que supuxo durante dous anos o acordo que tiña o conselleiro con nós” e lembrou que dende o 28 de marzo de 2008 existe “un acordo de venta co Consorcio que non se cumpriu”. Neste senso, criticou que se tivese feito un concurso que quedou deserto e que cualificou de “paripé” porque ao seu entender “roza a ilegalidade”.

Por outra banda, explicou que na xuntanza os administradores concursais comprometéronse a non vender nada da empresa que puidese prexudicar un futuro plan industrial que permita manter os máis de 150 postos de traballo e “a intentar que a poxa do 20 de decembro se vincule aos empregos” .

Así mesmo, asegurou que se se están a producir estes contactos é pola falta de interese da Xunta e anunciou que van seguir coas xuntanzas e coas mobilizacións até a poxa da empresa “porque non pode ser que se lle pagaran 30 millóns de euros á banca polos avais e que coa poxa non vaian recadar máis dun millón”.

Finalmente, adiantou que este martes manterán unha reunión co Consorcio para trasladarlle a proposta das empregados e animalo a que se presente á poxa.

 

También te puede interesar