Deportes

Tres galegos na Selección Española que disputará o Campionato do Mundo de Parataekwondo

Tres serán os galegos que viaxarán a Aruba, onde se celebrará a Copa do Mundo por equipos e o terceiro Campionato do Mundo de Parataekwondo, entre os días 22 e 25 de novembro. Fernando Rascado forma parte do equipo español que disputará a Copa do Mundo, mentres que Alex Vidal e Santi Malvar competirán no Mundial de Parataekwondo.

A cita é en Aruba, unha illa das Antillas Menores (no Caribe), a partir do 22 de novembro, pero a concentración comezará hoxe mesmo no CAR de Madrid, aínda que só viaxan hoxe Rascado e Malvar, xa que Vidal non pode desprazarse aínda.

Rascado forma parte da selección española que estará presente na Copa do Mundo por equipos, na que tamén debería estar Raul Bouzas, pero que quedou fóra por unha desafortunada lesión no combate da Copa do Rei contra Gaspar Trabalón, quen si está na convocatoria. A Copa do Mundo rexerase polo regulamento do TK5. España leva un equipo masculino (categoría de 68>80 quilogramos) no que figura o galego Fernando Rascado, que logrou a medalla de ouro na Copa do Rei hai dúas semanas.

O día 22 de novembro celebrarase o terceiro Campionato do Mundo de Parataekwondo, no que Galicia terá a dous representantes: Alex Vidal e Santi Malvar. Para Alex será o seu terceiro mundial e nos dous anteriores logrou sendas medallas de prata, polo que viaxa co obxectivo de dar un pasiño máis. Alex é campión de Europa e subcampión do mundo e quere seguir avanzando na súa carreira deportiva.

Para Malvar será o seu primeiro Mundial, xa que debutou na competición internacional no pasado Europeo, no que logrou unha medalla de bronce.

 

También te puede interesar