Galicia

500.000 € para a creación de 30 empregos de base tecnolóxica

A Dirección Xeral de Promoción de Emprego, destinou en 2012 un orzamento de 500.000 € para a creación de 30 postos de traballo de base tecnolóxica. As iniciativas de emprego de base tecnolóxica teñen a súa orixe nos obxectivos estratéxicos da Unión Europea de conxugar a cultura de innovación e de empresa, pero, neste caso, cun enfoque dirixido, preferentemente, ao colectivo de investigadores e titulados universitarios de calquera área do coñecemento.

As destinatarias deste programa son as iniciativas de pequena dimensión que albergan un gran potencial de creación de emprego, de modo que os proxectos deste segmento poidan ter acceso ás mesmas prestacións institucionais das que xa dispoñen outras de maior tamaño.

Co fin de dotar ao programa de todas as garantías de éxito que precisan o desenvolvemento deste tipo de proxectos, o mesmo non se limita a deseñar un conxunto integral de incentivos económicos que faciliten o lanzamento e consolidación das iniciativas que cumpran cos requisitos, senón que, á súa vez, impulsa a colaboración das diferentes estruturas que xa existen: tanto a Xunta de Galicia, coma as tres Universidades Galegas e outras entidades vinculadas á innovación, á tecnoloxía e á iniciativa emprendedora.

Para iso prevense mecanismos de acompañamento, asesoramento e avaliación técnica, que teñen por función facilitar a cualificación dos proxectos potenciais, mediante unha análise pormenorizada das súas características e dos factores que permitan a súa mellora, ou a súa reorientación cando proceda, asegurando así as mellores perspectivas de consolidación e permanencia para aquelas.

O Comité de IEBTS aprobou este ano 16 novos proxectos. Dos 16 aprobados, un total de sete están estreitamente relacionados coa biotecnoloxía, e máis concretamente cos temas medioambientais e de sanidade animal entre outros; cinco proxectos están relacionados con actividades de enxeñería e de consultoría especializada en instalación de solucións enerxéticas e xestión integrada de medio ambiente; e os catro restantes  promoven actividades en sectores concretos como consultorías ou xestión de sistemas culturais.

Para que un proxecto poida ser cualificado como IEBTS debe de ter unha viabilidade técnica, económica, financeira e comercial, carácter innovador e contido científico e ou tecnolóxico. Ademais o cadro de persoal inicial previsto debe ser inferior a 50 traballadores, debe ter un mínimo dun titulado universitario por cada catro traballadores e crear emprego estable para persoas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego.

No presente ano 24 empresas xa cualificadas como IEBTS accederon ás axudas deste  programa pola creación de emprego estable, tanto dos promotores como das persoas traballadoras da empresa; á subsidiación dos xuros dos préstamos que foron necesarios para o financiamento dos investimentos en activos fixos; a unha axuda pola contratación de expertos técnicos de alta cualificación; e á subvención para financiar os gastos necesarios para a posta en marcha da IEBT.

Estas 24 empresas deron lugar á creación de 30 postos de traballo no presente  ano dos que 24 son titulados universitarios (deles, dez son mulleres). Destas persoas tituladas dúas teñen o grado de doutor. Das seis persoas non tituladas, catro pertencen ao sexo feminino.

 

También te puede interesar