RGPD - Cookies
Comarcas

36 aulas da Rede CeMit inician o día 19 unha actividade sobre creación multimedia e web 2.0

Desde o vindeiro 19 de novembro e ata o 4 de decembro desenvolverase unha actividade sobre Creación Multimedia e Web 2.0 en 36 aulas da rede CeMIT, no marco do seu Plan de Dinamización 2012. Na metade das sedes o curso terá lugar de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, e nas outras de tarde, de 16:00 a 20:00 horas.

Esta actividade gratuíta de 40 horas ten por obxecto facer un percorrido polos procedementos básicos de creación de contidos adaptados á web, o proceso de obtención, edición e optimización, e finalmente publicación en servizos web 2.0. Contémplanse recursos de todo tipo: textos, imaxes, audio ou vídeo.

Os participantes na actividade obterán os coñecementos para xerar adecuadamente os contidos necesarios para a súa publicación nun blog ou algún outro servizo web 2.0, habilidades moi valoradas actualmente para moitos postos de traballo de diferentes sectores.

O curso desenvólvese en 36 centros da rede CeMIT mediante o sistema de videoconferencia, que permite a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas.

Na provincia da Coruña participan as aulas de Ares, Arzúa, Betanzos, Boiro, A Coruña, Ferrol, Fisterra, Narón, Negreira, Oroso, Ortigueira, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Santa Comba, Santiago e Vimianzo. En Lugo as de Barreiro, Foz, Quiroga e Sarria. En Ourense as de Allariz, O Barco, A Cañiza, O Carballiño, Celanova e Ourense. E en Pontevedra as de A Estrada, Ponteareas, Pontevedra, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Neste momento aínda quedan prazas libres para algunhas das aulas participantes. Para consultar as prazas libres e realizar a inscrición acceder a http://cemit.xunta.es.

Plan de Dinamización

Esta iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Dinamización 2012, no que a Rede CeMIT levou a cabo distintas actividades con temáticas relacionadas co sector multimedia e audiovisual, como o curso sobre streaming de audio e vídeo, posicionamento web, televisión en internet ou produción audiovisual, entre outros.

O Programa de Formación da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

A Rede CeMIt

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros. Do mesmo xeito, os contidos do Plan de Dinamización e da carta de servizos están dispoñibles na web http://cemit.xunta.es.

 

También te puede interesar