O encontro anual das Mulleres do SLG constata o empobrecemento das familias que viven do campo

O impacto da crise na cidadanía, pero especialmente nas mulleres e no colectivo das labregas, está a centrar boa parte dos debates do Encontro Anual que a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego está a celebrar na Casa Común de Oza (Teo). Este traballo de análise compaxinouse con actividades de campo, como a visita que fixeron as participantes ao mercado de alimentos labregos dos Tilos. A saída serviu para celebrar unha xuntanza con algunhas das labregas que promoven este mercado, e constatar que se trata dunha interesante iniciativa que posibilita o contacto directo entre as persoas que producen e as que consumen, con múltiples beneficios para ambas partes.

En canto ao contido do encontro, Lupe Ces, da Marcha Mundial das Mulleres, impartiu onte o relatorio“Que supoñen para a cidadanía e para as mulleres a débeda e o rescate financeiro? . Hoxe, sábado 27 de marzo, foron tres expertas nos seus respectivos campos as que falarían do impacto na cidadanía e nas mulleres das políticas de recortes no ensino, en sanidade e nos servizos sociais: Sonia Fernández, do Secretariado Nacional do Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza (STEG); María Xosé Abuín, secretaria da Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG); e Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

As relatoras confirmaron que se están destinando moitos menos recursos públicos a eidos como o ensino, os servizos sociais ou a sanidade, coa desaparición de programas que eran moi importantes para as mulleres, que vén como está a descender a súa calidade de vida.

Posteriormente, nos obradoiros de traballo desenvolvidos polas participantes, xurdiron conclusións como o empobrecemento xeneralizado que están a sufrir as persoas e familias que viven da actividade agraria por mor do aumento imparable de todos os custes de produción, e polos prezos baixos –equiparables aos de hai vinte anos- para os produtos en orixe de todos os sectores agrogandeiros. Este empobrecemento tradúcese en consecuencias directas como que moitas labregas se ven obrigadas a deixar de cotizar á Seguridade Social, ou que as familias deben asumir o retorno ao fogar de fillos e fillas que perderon o emprego. E todo isto, aderezado cun empeoramento patente de servizos públicos básicos, como a sanidade, que implica gastos a maiores como pagar o transporte de persoas enfermas, fármacos, etc.

Outra das consecuencias da crise que se constatou nos obradoiros de traballo foi que está a haber moitas persoas que, ante a falla de medios de vida nas vilas, regresan ao campo a vivir, a cultivar e producir os seus propios alimentos e, mesmo, a probar unha saída laboral mediante o autoemprego. Precisamente, este retorno de xente ao medio rural urxe a que se lles dea unha viraxe de 180º ás políticas de retalladas actuais, aumentando os investimentos en todo tipo de servizos públicos para apoiar á xente que aposta de novo por vivir no campo.

 

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.