Cultura Vigo al minuto

Esta fin de semana, en Valadares, para os teus sentidos, ‘Curtopía’

O festival Curtopía botou a andar fai agora 2 anos e neste 2012 transfórmase nunha romería audiovisual. “Os tempos de crise e maila falta de apoios institucionais para o mundo da cultura están a afogar moitos proxectos de difusión da cultura coma o noso”., salienta un dos organizadores. Os vindeiros días 27 e 28 de outubro nas instalacións de Alg-a Lab en Valadares, “daremos vida a esta nova especie resistente as adversas condicións. Un festival independente, autoxestionado e de espírito crítico”.

A romería de Curtopía é esencialmente audiovisual pero tamén multidisciplinar. As curtametraxes seguen a ser a unidade mínima do festival, pero estarán arroupadas por un intenso calendario de actividades ao longo das dúas xornadas do festival. Música en directo, fotografía tradicional, instalacións interactivas, cómics, videoxogos, clowns, mercadiño… unha romería do século XXI. E como non pode faltar nunha boa romería, haberá ben de comer e ben de beber.

A sección audiovisual está representada por unha serie de mostras nas que os asistentes terán ocasión de ver o traballo de moitos autores galegos. Polo festival pasarán a presentar as súas obras creadores recoñecidos como Enrique R. Baixeras, un dos pioneiros do cinema rodado en galego ou Marcos Nine, con unha das súas obras premiadas nos Mestre Mateo. Tamén pasaran por Curtopía as creadoras de Angelica y Roberta, unha serie que revolucionou o mercado de webseries en Galicia. A nova xeración de creadores galegos estará amplamente representada por autores e obras saídas das escolas viguesas. Outros moitos autores se achegarán ao festival para presentar as súas creacións e falar cos asistentes.

No apartado musical, actuarán tres bandas galegas. Ke Percussion Group, que é unha banda que combina a percusión máis espectacular co virtuosismo melódico dos seus catro compoñentes. 23RedAnts é un dúo de improvisación que mestura a electrónica co son extremo do chelo. Por último, Dreams of Dolly Sheep e unha banda xa coñecida nos círculos de música en directo pola contundencia da súa posta en escena, cargada de psicodelia e rocanroll. Por certo, tódalas actividades do festival son de balde.

As Mostras

Dous escenarios se repartirán a oferta audiovisual do festival, e serán punto de encontro para artistas, espectadores e obras. Durante os dous días de Curtopía poderemos ver curtametraxes organizadas de xeito temático nas seguintes mostras.

Raias Traveseiras: Historias sobre as migración, “na mesma poderemos ver catro curtas sobre por que as persoas migramos e que acontece cando o facemos. Achegarémonos primeiro a unha vila de Senegal, para voar despois ás cidades de Madrid e París”. Raias Traveseiras é un proxecto que comeza antes de Curtopía e que continuará despois do Festival na procura das historias de esas persoas que deciden vivir a súa vida en movemento.

Novos realizadores, “dúas mostras nas que veremos curtas realizadas por novos/as creadores do eido audiovisual galego. Traballos realizados en escolas de audiovisual, colectivos e artistas que utilizan a imaxe e o son como medio de expresión”.

Etnografías undeground, A Barlovento presenta unha selección de curtas galegas; “unha road-movie polos nosos carreiros mais enchoupados, a mirada de esguello duns mergulladores da memoria emerxente que nos descobren novas historias que coidabamos de coñecer”.

Persoeirxs do mainstream, presenta unha selección de curtas galegas onde as persoas tórnanse persoeirxs a través da descuberta do cotián como verdadeiro mainstream. Enrique Rodríguez Baixeras, amosa  o traballo dun dos pioneiros do cinema rodado en galego: Enrique Rodríguez Baixeras. Dúas curtas rodadas na Mariña en tempos de dificultades.

Planifica la crisis, cales son as necesidades do barrio de A Falperra ? Cales as dos veciños de Vigo? Como estas necesidades poden “encher” a Panificadora e encher os  7 000 m² do seu solar no centro da cidade? Durante o Festival Curtopía se poderá ver o resultado da convocatoria aberta de ideas en torno ao uso da panificadora, e “tamén proxectaremos un documental sobre o carismático edificio, acompañado dunha mesa redonda”.

Actividades Periféricas

O festival o completan unha serie de actividades periféricas que se irán desenvolvendo ao longo dos dous días, mesturadas co resto de actividades.  Non pode faltar en unha boa romería que se prece, a oferta gastronómica. As especialidades da casa serán os pratos vexetarianos e petiscos variados que se poderán degustar durante a xornada do sábado. O domingo temos preparada unha regueifa de paellas. O público asistente poderá probar dúas paellas elaboradas por chefs da casa e decidir quen elaborou a mellor receita”.

Para os máis pequechos e tamén para os maiores actuarán o pallaso de rúa, Djammal, co seu espectáculo Clown on Popping. Será na sobremesa do domingo.

Tamén haberá espazo para deconstruir a fotografía  retornando aos orixes da tradición minutera, ou crear a través da fotografía estenopeica. “Nos acompañará Ángel Borrué, co seu proxecto Papel Salado, está comprometido coa recuperación do oficio tradicional da fotografía minuteira”. Realizará retratos como os que se facían os nosos avós: fotografías tomadas ao ar libre, cunha cámara construída por el mesmo, e revelados artesanalmente dentro da mesma cámara baixo o ollar do público.

Por último, para os amantes do ritmo, o grupo Ke percussion, ofrecera obradoiros de percussion de man e instrumentos reciclados, todo elo, como o resto do festival, completamente de balde.

 

También te puede interesar