Vigo al minuto

O Museo do Mar de Galicia mostra a maxia das vilas mariñeiras

'Illa de Toralla' de Martín Echegaray, 1924

O Museo do Mar de Galicia albergará desde hoxe e ata o 6 de xaneiro a exposición fotográfica Arredor do mar, que amosa a fascinación que as vilas mariñeiras da provincia de Pontevedra e as súas xentes despertaron entre fotógrafos de recoñecido prestixio e afeccionados á fotografía do século XIX e XX.

Composta por 64 instantáneas pertencentes ao arquivo gráfico do Museo de Pontevedra, moitas delas inéditas, Arredor do mar pode contemplarse na Sala de Exposicións Temporais.

A mostra propón un apaixoante percorrido ao pasado de vilas mariñeiras como Bueu, Moaña ou A Illa de A Toxa a través da súa memoria fotográfica e grazas ao traballo de prestixiosos fotógrafos coma Francisco Zagala, Lorenzo Novás, Joaquín Pintos, Otto Wunderlich, Enrique Sarabia ou José Suárez, que capturaron escenas da vida cotiá que hoxe posúen un grande interese como documentos históricos, antropolóxicos e sociais.

'Patache navegando fronte a Illa de A Toxa na ría de Arousa' de Francisco Zagala, 1920

Éste é o caso do único testemuño gráfico que existe da protesta dos mariñeiros do xeito contra a arte da traíña durante a visita da Raíña rexente María Cristina e o seu fillo, o príncipe Alfonso, futuro Alfonso XIII, captado polo fotógrafo pontevedrés Joaquín Pintos.

As imaxes máis antigas son obra de Francisco Zagala e o seu discípulo e sucesor Lorenzo Novás. Ambos traballaron para a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que foi pioneira na recuperación do patrimonio cultural desde a súa creación en 1894.

Son fundamentalmente fotografías de finais do s. XIX, que retratan a vida ao carón do mar, o traballo dos mariñeiros, das mariscadoras ou nas fábricas de conservas.

Unha óptica diferente, a do mar como destino turístico, é a que ofrece o fotógrafo alemán Otto Wunderlich, quen percorreu en 1929 a provincia de Pontevedra, recén creado o Patronato de Turismo, tomando as imaxes que ilustrarían os seus folletos publicitarios. Así, as praias como as de Cangas ou Sanxenxo que él fotografou, e que poden apreciarse nesta mostra, ,convertéronse en símbolos turísticos por excelencia de Galicia.

A visión sobre o mar e o que sucede ao seu redor enriquécese nesta exposición a través tamén da mirada de fotógrafos afeccionados coma o empresario vigués Martín Echegaray, o xuíz José Bellver, o comandante de infantería Julio Fernández de los Ríos ou o Italiano Attilio Gaggero -con importantes ligazóns nas empresas conserveiras de Bueu- , que tiñan na arte da fotografía unha das súas grandes paixóns.

También te puede interesar