Comarcas

Mariñeiros do caladoiro mauritano péchanse na Deputación para obter novas das axudas do Goberno

Arredor dun cento de mariñeiros e armadores da flota cefalopodeira en augas de Mauritania lograron que o lles remitise un borrador do plan de axudas previsto tras a expulsión das embarcacións galegas propiciado polo acordo entre a UE e o país magrebí. Os afectados non abandonaron a institución provincial até que o seu presidente lles confirmou que o Ministerio de Agricultura accedía a entregarlles o documento.

A protesta iniciouse pola mañán coa entrada dun nutrido grupo de mariñeiros e armadores ao interior do edificio situado fronte á Alameda pontevedresa. Unha vez dentro, ocuparon o salón de plenos e reclamaron unha entrevista co máximo responsábel da Deputación, Rafael Louzán, que tamén é o presidente provincial do PP.

O secretario nacional de CIG-Mar, Xavier Aboi, explicou que o obxectivo da mobilización era forzar ao dirixente popular a que reclamase información sobre o plan de axudas pactado tras a saída forzosa do flota galega do caladoiro mauritano. Aboi lembrou que “máis de 50 días despois seguimos sen saber nada das axudas”, ao tempo que amosou a súa preocupación polos rumores que apuntan que os criterios para optar a elas poderían cambiar. “Chegounos información de que pretenden vincular o dereito a recibilas a estar en ERE, algo que non ten sentido porque todo o persoas está xa no paro”, polo que reclamou que as axudas se tramiten “para todos tal e como se falou”. Do contrario -advirte- seguirán coas protestas.

Tras a xuntanza con Louzán, na que participou unha representación dos afectados, permaneceron no interior do edificio até que o presidente provincial lles confirmou que o Ministerio de Agricultura enviaría o documento. Arredor das 13.30 horas abandonaban o edificio, non sen antes anunciar que o sábado estudarán o borrador nunha asemblea que celebrarán en Marín.

 

También te puede interesar