Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Expertos farán un seguimento dos golfiños e outros mamíferos mariños, dende as Cíes

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas ven de iniciar un programa de seguimento do estado de conservación dos golfiños e outros mamíferos mariños nas súas augas, en colaboración  coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.

Unha vez ao mes, o persoal do Parque Nacional realiza observacións desde diversos puntos estratéxicos das illas, rexistrando todos avistamentos que se producen. Por outra parte, nas augas das illas se instalaron uns rexistradores automáticos que gravan os sons emitidos polos mamíferos mariños baixo a auga, para analizalos e identificar os seus modos de comunicación. Na actualidade o Parque dispón de tres destes sensores, situados nos arquipélagos de Cíes, Ons e Sálvora e que xa están suministrando información sobre a situación dos seus mamíferos mariños.

Un mellor coñecemento

Toda a información obtida mediante estes seguimentos servirá para coñecer mellor a este grupo de animais e para tomar, no caso de ser necesario, as medidas necesarias para garantir a súa conservación.

Estes animais empregan, para recoñecer o entorno no que se desprazan, un sistema moi similar aos dos sónar dos barcos, que emiten un son que choca cos accidentes do terreo, ou coas súas fontes de alimento, e rebota volvendo cara o animal e dándolle información para desprazarse. Estes sons son diferentes para cada especie e o rexistro de maneira continua ofrece unha información moi valiosa sobre a abundancia e distribución dos cetáceos.

O Parque das Illas Atlánticas de Galicia destaca polo valor natural e de conservación do seu medio mariño, dentro deste teñen unha especial importancia os mamíferos mariños. Nas augas do Parque é posible atopar ata 6 especies de golfiños, entre os que destaca o golfiño común e o golfiño mular. Tamén se achegan, ocasionalmente, cetáceos de gran tamaño, como o cachalote e o rorcual común, especies cunha situación de conservación delicada, polo que dende o Parque considérase importante vixiar como evolucionan as súas poboacións.

 

También te puede interesar