Galicia

Elaboran un estudo que indica aos concellos como aforrar unha media do 35% no gasto de iluminación

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega), ven de elaborar un informe que analiza tanto as posibilidades técnicas existentes no mercado para a execución dun proxecto de eficiencia enerxética na iluminación pública, como os modelos de financiamento que se formulan para dar cobertura aos concellos.

Galicia posúe máis de 32.000 núcleos de poboación en 315 concellos, dispondo a práctica totalidade deles de iluminación pública. Esta supón o 53% do consumo de enerxía total dun concello, 69% do consumo de enerxía eléctrica, e representa o 70% do gasto enerxético total. Neste contexto, o aforro de enerxía medio estimado para as instalacións de iluminación exterior ascende ao 35% do consumo, chegando a acadar valores próximos ao 60% nalgunhas tecnoloxías.

A posibilidade de acometer estes proxectos de eficiencia enerxética en iluminación exterior ofrece, así, un importante aforro económico ademais de dotar aos municipios de nova tecnoloxía que vería reducidas as horas de mantemento anual necesarias, o que incrementaría o aforro para as arcas municipais.

O informe analiza as distintas opcións que ofrece o mercado autonómico para levar a cabo estes proxectos, analizando a eficiencia dos distintos equipos, as empresas subministradoras e as opcións de financiamento. Deste xeito, configúrase como unha ferramenta idónea que permite aos municipios seleccionar as medidas máis oportunas na renovación da súa iluminación exterior.

Recomendacións xerais

Á hora de abordar calquera proxecto de eficiencia enerxética en iluminación pública exterior, o estudo considera necesario a realización dunha auditoría enerxética previa. Esta facilitará información relativa ao estado actual das instalacións obxecto do contrato, así como os niveis de iluminación requiridos para cada tipo de vial. Así mesmo, debe indicar as posibles solucións técnicas a adoptar, así como, un estudo de viabilidade económica para cada unha delas.

Ademais, e dado que a tecnoloxía en iluminación está en continuo avance con diferentes solucións tecnolóxicas que melloran as anteriores, sobre todo en canto á tecnoloxía LED se refire, é importante que nesta auditoría se aborden as diferentes opcións técnicas co fin de valorar cal é a óptima para cada emprazamento e cada nivel de luminosidade recomendado.

Sobre esta base, analízanse as distintas solución, sistemas de acendido, lámpadas e luminarias, sistemas de regulación e de telexestión,  para que os concellos conten coa suficiente información sobre a que sustentar a súa elección. En cada un destes apartados defínense os dispositivos que o mercado ofrece, detallándose as súas vantaxes e desvantaxes, e aportando recomendacións finais para cada un deles.

 

También te puede interesar