Comarcas

Tui materializa o Servizo de Axuda no Fogar

O rexidor de Tui, Moisés Rodrígueza, acaba de asinar coa empresa CLECE S.A o contrato para prestar o servizo de axuda no fogar no concello. Isto é así logo de que se veña de completar o proceso de contratación deste servizo na modalidade de dependentes valorados e prestación básica coa sinatura do contrato por un importe máximo anual de 158.986,11 €.

Segundo informou o Concello de Tui, o cometido desta empresa co Servizo de Axuda no Fogar será a atención de persoas dependentes valoradas, persoas con discapacidade, persoas con minusvalía, familias con problemáticas, atención a menores, como complemento o programa de educación familiar.

Tamén se prestará a persoas ou colectivos en situación de risco de exclusión social, ou fraxilidade cando así o determine de forma excepcional o informe técnico. O requisito que deberán cumprir todos eles é o de residir no municipio.

Trátase dun programa enmarcado nos Servizos Sociais Comunitarios, que forma parte dun sistema integrado de Servizos Sociais de carácter complementario e transitorio que non exime a familia de responsabilidades, con planificación, coordinación e control público, que ofrece un conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora dentro do propio domicilio con carácter preventivo, educativo e rehabilitador, e que se presta a través de persoal especializado.

O SAF desenvolve unha labor  preventiva, asistencial e rehabilitadora, sen substituír ao usuario no que poida facer de por si, para non lle causar dependencia en lugar de autonomía, e sen substituír á familia na súa responsabilidade senón, pola contra estimulando a atención desta cara ó usuario.

En todo caso e en cumprimento da normativa vixente darase prioridade de acceso ás persoas que teñan un dereito recoñecido dentro do sistema establecido pola Lei 39/2006 do 14 de decembro de Promoción da autonomía Persoal e atención as persoas en situación de dependencia.

Na actualidade Tui está acollidas a este Servizo de Axuda no Fogar un total de 19 unidades familiares, aínda que este número é variable.

También te puede interesar