Galicia

321 vítimas de violencia de xénero recibiron atención psicolóxica o primeriro semestre deste ano

Un total de 321 vítimas de violencia de xénero teñen participado durante o primeiro semestre deste ano nas sesións do programa de atención psicolóxica, que ofrece a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O maior volume de usuarias corresponde a mulleres, que suman un total de  201, pero cualitativamente a participación de menores no programa, que ascende ao 30% cun total de 107 fillos e fillas menores de idade, debe ser unha chamada de atención ás consecuencias colaterais da violencia de xénero, do mesmo xeito que as restantes13 persoas dependentes da vítima, afectadas tamén polo círculo da violencia de xénero.

Estes datos confirman a necesidade de considerar este fenómeno nun sentido amplo, referido a calquera acto ou ameaza que ocasione un perxuizo ou  sufrimento físico ou psicolóxico á muller, pero tamén avaliando as feridas emocionais ás fillas e aos fillos, con consecuencias que poden traducirse en dificultades de aprendizaxe, de socialización ou mesmo de alta tolerancia ás situacións de violencia.

Por provincias, A Coruña encabeza as persoas asistentes ás sesións de atención psicolóxica con 219 participantes, seguida de Pontevedra con 62, Lugo con 26 e Ourense con 14 persoas.

O programa de atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia de xénero e aos seus fillos e fillas menores ofrece recursos terapéuticos que faciliten a recuperación das persoas que viven en entornos de violencia e está dotado este ano con 120.000 euros.

Máis de 1.400 vítimas atendidas en tres anos

Estas persoas atendidas nos seis primeiros meses do ano engádense ás 1.406 vítimas de violencia de xénero que teñen recibido atención psicolóxica  durante o trienio 2009-2011 ao abeiro do programa da Secretaría Xeral da Igualdade, ao que destinou un orzamento de 360.000 euros nese periodo.

 

También te puede interesar