Vigo al minuto

Ferrín reivindica o papel da resistencia antifranquista no Día Nacional de Galicia

Cunha recepción no Pazo Quiñones de León, celebrouse hoxe o Día de Galicia na cidade que, coma xa é normal adiantouse cinco días á data oficial. A xuntanza, a que acudiu toda a Corporación, ademáis de representantes da economía, o mundo laboral, a Universidade, o deporte ou a cultura foi,como anunciara o alcalde moito máis parca que outros anos.

O encargado da lectura do bando foi o presidente da Real Academia Gelega, Xosé Luis Méndez Ferrín quen indicou que Otero Pedrayo, foi quen mellor soubo definir a substancia de Vigo.Para Otero, máis ca unha cidade, iso si, rodeada de entidades de poboación campesiña, Vigo reviste as características dunha comarca ou, como el adoitaba dicir, dunha bisbarra. Gardada polas eminencias do Maúxo, do pai  Galiñeiro, dos altos de Puxeiros, do Vixiador, da Madroa, Vigo amansa os seus vales, amolece as súas encostas, prende lume verde nas súas veigas e milleirais, acende en ouro e en vermello as laranxeiras e os acebiños das eiras aldeás acomodándose ao curso dos ríos pequenos, o principal dos cales é o Sárdoma ou Fragoso”.

O escritor, engadiu, ninguén esquece aquí que estamos en Galicia e que celebramos o seu día nacional. Polo tanto, faise preciso lembrar  que hai centos de anos, o reino de Galicia sufriu unha escisión que floreceu e se expandiu no Mundo co nome glorioso de Portugal. Hoxe, existe, polo menos nos papeis e no deseño, a posibilidade dunha euro-rexión que rectifique a historia en beneficio de Portugal e en beneficio de Galicia. Esa eurorexión debería ser activada realmente e non podía recibir outro nome que aquel antigo que ostentaba a provincia romana que nos identifica e configura e o reino que fundara no século V Hermerico: Gallaecia”.

Ferrín lembrou que “foi no ano 1919 cando as Irmandades da Fala proclamaron o 25 de xullo como Día de Galicia. A historia do día que hoxe festexamos é, por tanto, moi breve, sobre todo se pensamos en termos de Gallaecia. Non estou seguro de que alguén teña historiado o acontecemento do 25 de xullo. En todo caso, a celebración do noso Día Nacional estivo unida á represión daqueles dereitos de Galicia que a festa quería reivindicar, e botou a vista atrás, hai que fixar no verán de 1968 a reconstrución do Día Nacional desde a clandestinidade e a resistencia antifranquista. Tras da revolta do estudantado galego, do banquete a Celso Emilio e do conflito de Castrelo de Miño, no verán de 1968 a UPG, en converxencia coa Liga Democrática de Vigo, cos estudantes  de ADEG e outros grupos, lanzou unha masiva campaña na que se chamaba á CNC, Concentración Nacional en Compostela, o 25 de xullo, Día da Patria Galega”.

Pola súa banda, Abel Caballero, indicou que “hoxe, Vigo, escoitando ós rumorosos, quere marchar cara á recuperación da súa actividade económica, do emprego, sen que ninguén quede excluído, sen que ninguén quede polo camiño. Hoxe, Vigo, no confín dos verdes castros, quere renovar unha vez máis o seu compromiso coa Galicia nai e señora”.

O alcalde reivindicou o carácter traballador, solidario e traballador dos vigueses, “hoxe, todos os vigueses e viguesas provintes de todos os puntos da rosa dos ventos, desde Cabral ata Saiáns, desde Zamáns ata A Laxe, queremos manifestar a nosa reforzada vontade de sumar. Unión polo progreso, o emprego, a solidariedade, unión de e por Galicia”, e lembrou a manifestación deste xoves asegurando, onte milleiros de  manifestantes vigueses e viguesas nas rúas da cidade e esta tarde os que estamos neste Pazo de Castrelos, recollemos o legado, despregamos velas e elevamos o compromiso da necesaria unión en Vigo e en Galicia fronte ós ventos da adversidade e fronte as agresións. Reclamemos con firmeza unha xusta resolución da crise para os estaleiros, para a automoción, para os servizos, para a pesca, para a cultura, para a sociedade”.


 

También te puede interesar