Sucesos

As estradas galegas deixan 2 mortos e 91 persoas atendidas polo 061

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana un total de 91 persoas debido a 59 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. Os sinistros deixaron 2 mortos: un mozo de 23 que faleceu en Monforte de Lemos e outro home que morreu en Verín.

O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 31 accidentes. A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 81 chamadas en relación cos accidentes de tráfico.

Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 29 sinistros de tráfico, seguida pola cidade da Coruña con 23, Ourense con 4 e Lugo con 3.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 77. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a tres sinistros, o helicóptero medicalizado desprazouse nunha ocasión, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 66 accidentes, as ambulancias convencionais acudiron a dous sinistros, e os médicos de Atención Primaria prestaron asistencia sanitaria en cinco sinistros.

En 79 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, unha persoa foi trasladada a un centro de Atención Primaria, outros nove feridos foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e dúas persoas faleceron no lugar do sinistro.

 

También te puede interesar