Galicia

Presentado oficialmente o Festival de Ortigueira 2012

Este sábado presentouse na Cidade da Cultura de Santiago a vindeira edición do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que ten a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional dende 2005, e que este ano se celebrará entre os días 12 e 15 de xullo.

No acto de presentación do evento interviñeron o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón Martínez, o coordinador do festival, Alberto Balboa e mais a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, quen resaltou o relevante potencial turístico desta cita anual que forma parte xa dos recursos turísticos do verán galego. Pardo subliñou que todo é froito do traballo que durante 34 anos e 28 edicións do festival e lembrou que o ano pasado participaron 70.000 persoas.

Programación 2012

O coordinador do certame apuntou as tres claves do cartel 2012: “oferta de concertos únicos en España, como o dos escoceses Blazzin’ fiddles, os galeses Jamie Smith’s Mabon e os irlandeses Electric céilí; apoio aos grupos emerxentes, a través do concurso Runas, que contará por primeira vez, cun grupo xaponés; e gran protagonismo das bandas de gaitas de nacións celtas como Bretaña, Escocia e, por suposto, Galicia”.

Asemade, referiuse ao carácter interdisciplinar do encontro, que se plasma na súa ampla oferta de actividades paralelas (feira de artesanía, exposicións de fotografía e instrumentos musicais, mostra de baile tradicional ou a estra do documental “defolXXI”, sobre a situación da gaita na actualidade).

Esforzo organizativo

Pola súa banda, o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón subliñou o intenso traballo realizado polo concello para sacar adiante a nova edición da cita folk, que é patrimonio de todos os galegos, nun ano marcado pola complicada situación económica e a conseguinte limitación dos patrocinios. Neste contexto, subliñou que “se fixo un esforzo importantísimo para mellorar os servizos esencias do certame (seguridade, limpeza…) e, sobre todo, para garantir a gratuidade do festival”.

Finalmente, e tras aludir ao impacto económico que ten no Ortegal, en sectores como o hostaleiro ou o do pequeno comercio, Girón referiuse ao empeño municipal de recuperar a tranquilidade e da maxia da acampada libre situada no piñeiral da praia de Morouzos; e convidou á mocidade a gozar das 96 horas de convivencia e festa nun espazo natural único que ofrece o Festival do Mundo Celta.

 

También te puede interesar