RGPD - Cookies
Galicia

Dicionario moderno inglés-galego

Alberto Álvarez Lugrís//Profesor de tradución do inglés para o galego na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

A editorial 2.0Editora vén de publicar o Dicionario moderno inglés-galego, un proxecto que no Seminario de Lingüística Informática (SLI) da Universidade de Vigo comezamos a desenvolver hai máis de nove anos e que agora sae do prelo despois de actualizar, corrixir e aumentar a edición dixital de 2005. Esta primeira edición en papel contén 1.236 páxinas con 20.000 entradas, 30.000 acepcións e 60.000 exemplos. Trátase do primeiro grande dicionario bilingüe inglés-galego e vén encher un baleiro histórico na lexicografía galega, que carecía aínda dunha ferramenta destas características.

O trazo máis definitorio do DMIG é que se trata dun dicionario feito a partir do Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI, de acceso libre en http://sli.uvigo.es/CLUVI), un corpus de máis de 20 millóns de palabras no que se recollen textos paralelos, é dicir, textos orixinais e as súas correspondentes traducións. No caso do corpus CLUVI, temos orixinais e traducións en seis linguas: alemán, castelán, euskara, francés, galego, inglés e portugués; o dicionario elaborouse a partir das seccións que conteñen a combinación inglés-galego: TECTRA (subcorpus de textos literarios), LOGALIZA (de localización de software), VEIGA (de subtitulación de películas) e UNESCO (texto íntegro de 32 números d’O Correo da Unesco en inglés, francés, galego e castelán). Na sección de publicacións da web do SLI pódese atopar abondosa bibliografía sobre o proceso de elaboración e explotación do corpus CLUVI así como sobre a elaboración do dicionario.

Partiuse do corpus etiquetado para establecer as equivalencias entre as palabras dos textos ingleses e as dos textos galegos, seleccionándoas despois en función da súa frecuencia de uso. Deste xeito, os lemas do dicionario DMIG son todos aqueles que aparecen un mínimo de tres veces nas combinacións inglés-galego do corpus CLUVI. Despois de obter a lista de lemas, redactáronse as entradas ou artigos lexicográficos correspondentes, que conteñen as posibles traducións galegas do lema inglés máis un exemplo de cada tradución. As entradas poden incluír tamén unidades fraseolóxicas (combinacións lexicalizadas do lema con outras palabras), americanismos, observacións gramaticais e de uso e notas de tradución. Cómpre destacar que outra característica novidosa do DMIG é que tódolos seus exemplos son reais, completos, contextualizados e identificados. É dicir, a diferenza doutras obras nas que se crean exemplos ad hoc para amosar determinados usos, o noso dicionario exemplifica sempre as distintas acepcións con citas tiradas do corpus CLUVI; son polo tanto usos reais da lingua, empregados por tradutores e tradutoras profesionais en textos pertencentes a distintos xéneros. Cada exemplo, ademais, vai seguido sempre da súa referencia, para podérmolo identificar no corpus….ler máis

También te puede interesar