Vigo al minuto

Esquerda Unida presenta unha moción para que a Igrexa pague o IBI en Vigo

O coordinador de Esquerda Unida (EU) en Vigo lembra que en Italia a Igrexa empezará a pagar impostos sobre as propiedades e que en España esta “detracción” supón 3.000 millóns de euros menos ás arcas do Estado. Fronte ao que moitos pensan, engade, “case ningún servicio que presta á Igrexa se fai sen afán de lucro na nosa cidade, exceptuando Cáritas e algún servicio social” e, asegura EU, está contrastado que residencias de anciáns, conventos e mesmo alugueres de espacios eclesiásticos realizan notables ingresos directamente dos recursos dos beneficiarios, como o “cobro de pensións ou mesmo de herdanzas suculentas”

Para EU se a igrexa está preocupada pola situación de emerxencia social que vive a cidadanía “a mellor aportación que pode facer é pagar impostos como eles, lembrando que este ano en Vigo os incrementos do IBI son máis dun 13% para todas as familias independentemente dos seu recursos”. Para Rubén Pérez é unha “burla” a toda a cidadanía que “o maior propietario de bens inmobles non pague o IBI, porque se establece un privilexio intolerable entre os que pagan e os que non”.

A moción de EU incide na reforma do marco de financiamento das igrexas e resalta que nunha situación na que se recortan todas as achegas a organizacións non gobernamentais, sen ánimo de lucro, sindicais e políticas, “a Igrexa é a única que non viu recortada a súa asignación”.

O Coordinador de EU explicou que o financiamento dependente dos poderes leva contraprestacións e que “a proximidade da xerarquía católica aos poderes públicos condiciona a posición como consecuencia da dependencia económica”. Nós consideramos, engadíu Pérez, que “o mellor é un financiamento similar á que se produce en Alemaña onde existe un imposto do 0,7% que non se detrae da caixa común do IRPF, senón que se suma ao que xa pagan quen marcan a casa correspondente”, iso, salienta, esixe un compromiso aos crentes, concede absolutamente independencia a todas as igrexas e respecta a aconfesionalidade do estado.

Esquerda Unida indica que é un feito curioso que o artigo 62 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, fala das exencións do IBI. E no punto c di que estarán exentos “Os da igrexa católica, nos termos previstos no Acordo Español e a Santa Sé sobre Asuntos Económicos de 3 de xaneiro de 1979, e os das asociacións confesionais non católicas legalmente recoñecidos, nos termos establecidos nos respectivos acordos de cooperación subscritos en virtude do disposto no artigo 16 da Constitución”. Esta exención total e permanente da contribución territorial urbana afecta a templos e capelas, residencias de bispos e sacerdotes, oficinas, seminarios e conventos.

 

También te puede interesar