Comarcas

O BNG alerta do impacto que provocará o parque eólico que se pretende instalar no Monte Maior

O BNG de Mondariz ven de elaborar unha alegación fronte ao proxecto de instalación dun novo parque eólico na comarca, o denominado Coto de Eiras II, que se pretende asentar nos cumes do Monte Maior en territorio pertencente ás parroquias de Gargamala e Sabaxáns do concello de Mondariz e ás de Traspielas e Ventín do de Fornelos de Montes.

A alegación que xa foi asinada e presentada polo portavoz municipal nacionalista, Xosé Emilio Barros Bello, pónse agora a disposición de toda a veciñanza de Mondariz e do resto de Galicia co obxectivo de conseguir a masa crítica suficiente, para que a Xunta reconsidere outorgar a autorización administrativa para esta instalación, que afecta a un espazo natural integrado na serra do Suído de especial valor, representativo do ecosistema propio da media montaña da provincia de Pontevedra.

No DOG do pasado dia 13 de abril unha resolución da Consellería de Economía e Industria, abriu o prazo de información pública conxunta para: o proxecto de instalación, o estudio de impacto medioambiental,  a solicitude de autorización administrativa e a de declaración de utilidade pública deste parque eólico.  O BNG advirte que a declaración de utilidade pública, abre a vía para a expropiación dos terreos, aspecto moi preocupante para as comunidades de montes propietarias ás que lles anula toda capacidade negociadora.

O BNG destaca a importancia da zona como hábitat privilexiado para diversas especies de que se atopan actualmente en severo risco de extinción, como o caso do lobo ibérico que ten nesta localización, a pouco mais de 20 quilómetros de Vigo o hábitat mais próximo á principal concentración urbana de Galicia. Tamén  existencia do único foxo dobre de caza de lobos de Galicia, dálle valor especial á zona. Porén a pesar de que o estudio medioambiental prevé danos significativos na perspectiva medioambiental, nel non se concretan medidas para minimizalos.

Esta instalación “abortará a valorización como espazo natural  dificultando o impulso doutras actividades de interese para o desenvolvemento da zona, como  turismo  entorno ao complexo termal localizado a escasos quilómetros, cuxo enfoque xeral baseado na pureza e cualidades da auga, precisa  dun medio natural privilexiado, o que resulta incompatible co impacto visual e medioambiental que provoca esta actuación localizada na cabeceira da zona de aportes hídricos ás fontes termais”.

 

 

También te puede interesar