Este martes, día 8, as diferentes comarcas do país acollerán a celebración de concentracións simultáneas para demandar do Goberno galego o cese dos recortes no ensino público galego. Con estas mobilizacións, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Galego, inicia o calendario de accións que teñen como obxectivo “evitar a aplicación no noso país do Real Decreto-Lei 14/2012 de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo”.
Estas concentracións celebraranse ás 19:30 horas en Santiago (Praza do Toural), Ferrol (diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza), Ourense (Rúa do Concello,11), Vigo (Príncipe, diante do MARCO), A Coruña (Praza de Pontevedra), Pontevedra (Praza da Peregrina), Lugo (Edificio Administrativo da Xunta de Galiza, na Ronda da Muralla), A Guarda (Praza do Reloxo), Verín (Praza do Concello), Vilagarcía (Praza de Galiza), Foz (Praza de Galiza) e ás 20:00 horas en Ribeira (Diante do Concello) e no Barco de Valdeorras (Praza do Concello).
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público Galego, constituída en autoconvocatoria o pasado 25 de abril, está integrada por representantes da comunidade educativa galega, pais e nais, profesorado e alumnado, a través de diferentes entidades (organización sindicais do ensino, ANPAS, movementos de renovación pedagóxica, organización estudantís, partidos políticos) e permanece aberta a novas adhesións individuais e colectivas que poden formalizarse no enderezo electrónico http://plataformagalegadefensaensinopublico.blogspot.com.es/ .
Calendario de mobilizacións
Dentro do calendario de accións aprobado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público inclúese o apoio a folga de estudantes e a manifestación convocada o xoves 10 de maio. Catro días despois, o luns 14 de maio, iniciaranse peches rotativos nos centros educativos en toda Galicia e o día 3 de xuño celebrarase unha manifestación en Santiago. A Plataforma tamén insta aos Consellos Escolares e Claustros a que aproben resolucións de apoio ao ensino público.
No seu manifesto, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público denuncia que “as medidas aprobadas polo Goberno central -que se veñen sumar aos recortes a aplicados pola Consellaría de Educación nos últimos anos no ensino galego- buscan reducir o profesorado dos centros (despedindo miles de docentes), incrementar o número de alumnado por aula (masificando as aulas), reagrupar alumnado de diferentes niveis educativos nunha mesma aula e reducir a oferta educativa”. Todas estas medidas “dificultan o acceso á educación das clases sociais máis desfavorecidas, van contra a calidade do ensino e significan maior fracaso escolar”.