Galicia

A conselleira de Facenda non descarta aumentar os alumnos por aula nin o copago nos medicamentos

A conselleira de Facenda salientou hoxe que hai marxe para poder aforrar en Sanidade e en Educación sen afectar á prestación do servizo e puxo como exemplo que a Xunta xa levou a cabo medidas que o permitiron. Nunha entrevista na Cadena SER, Elena Muñoz indicou que o gobernó galego está á espera de que o Estado concrete as medidas que ten anunciado nestes ámbitos para, logo, analizar cal é o impacto que poden ter. En calquera caso, entende que “hai que tomar medidas adicionais pola situación actual e haberá que acordar cales son as mellores para garantir a sostibilidade do sistema”.

Neste senso, subliñou que o Goberno galego “xa tomou medidas para realizar melloras, tanto no ámbito sanitario como no educativo, sen que en ningún momento se afectase á prestación do servizo, como no caso do Catálogo Priorizado de Medicamentos”. Nese senso, dixo que “Galicia ten avanzado moito respecto a outras comunidades, que neste momento terán que formular outras medidas porque non fixeron ese traballo nos anos pasados”.

Sobre a posibilidade de aumentar o número de alumnos por aula, indicou que existe unha posibilidade de incremento sen que diminúa a calidade da educación, pois en Galicia xa se fixo nalgunha das fases educativas sen que afectase á calidade. “Aí había marxe e o aproveitamos, igualando o feito noutras comunidades autónomas”, apuntou.

Sistema público e gratuíto

En relación ao debate sobre pedir unha colaboración adicional aos cidadáns en función da renda á hora de pagar a receita farmacéutica, explicou que “podería ser unha medida necesaria que o que máis teña máis participe nese financiamento do sistema”, pero aclarou que “en ningún caso se falaría da prestación sanitaria”, pois cre “no sistema público e gratuíto e en non facer ningún tipo de copago na prestación pública”.

Sobre a conveniencia ou non de seguir con políticas de austeridade, a titular de Facenda sinalou que “se está nunha situación moi difícil, cuns niveis de déficit público moi grandes e, ademais, moito máis elevados do previsto, en 2011 un 8,5%, polo que está claro que as medidas expansivas de gasto tampouco teñen servido para frear o alcance da crise nin do paro”.

O que temos que facer neste momento é tomar outro tipo de medidas que aseguren a sostenibilidade do sistema, que controlen o déficit público como primeiro paso necesario e imprescindible para poder comezar a xerar emprego e a reactivar a economía. Nós entendemos que o control do déficit é un paso necesario para poder conseguir a reactivación económica que necesitamos”, resaltou.

Nese senso, comparou a lei de disciplina do Estado coa situación dunha familia que ten que aspirar a que cos seus ingresos habituais cubra os seus gastos habituais, pero, no momento en que ten que afrontar algún gasto extraordinario, pode endebedarse. “Isto é precisamente o que formula a lei, en primeiro lugar que no ano 2020 haxa déficit cero, equilibrio de ingresos e gasto, pero tamén di que si é necesario facer algunha reforma estrutural se pode incorrer en ata un 0,4% de déficit”, expuxo.

Na súa opinión, “é fundamental que aspiremos a ter equilibrio nas contas” porque é a única maneira de que non sexa necesario acudir ao endebedamento e de poder baixar o importe dos xuros que se pagan pola débeda, xa que neste momento no orzamento do  Estado se pagan tantos gastos por xuros da débeda como por prestacións por desemprego. “É un importe moi importante que ten que asumir unha Administración e cando ti podes liberar ese gasto, podes dedicalo a outros gastos sociais, a outros gastos máis importantes para todos”, razoou.

Sobre a culpabilidade do déficit ás comunidades, Muñoz cre que non se pode xeneralizar, pois hai autonomías que tiveron un comportamento que non foi o máis axeitado e chegaron a uns niveis excesivos que prexudican a todo o Estado, pero outras, entre as que está Galicia, tiveron un compromiso claro a favor da estabilidade, do control do gasto efectivo, de axustar os gastos aos ingreso e, por tanto, que non contribuíron a ese desequilibrio.

Por iso, a conselleira de Facenda asegurou que as autonomías non son malas ‘per se’, “ben xestionadas son positivas para España, garanten a prestación dos servizos públicos fundamentais, teñen esa grande responsabilidade e en Galicia cremos na necesidade do Estado autonómico tal e como está deseñado”.

Novagalicia Banco

Por outra banda, referiuse ao futuro de Novagalicia Banco e amosou a súa esperanza de que a entidade poida seguir en solitario, lembrou que a Xunta aposta desde hai moito tempo por manter unha entidade financeira en Galicia. “Apostamos por iso, actuamos en consecuencia e seguimos crendo que Novagalicia Banco ten un proxecto solvente e agardamos que teña o apoio do Banco de España, que o trate igual que ás outras entidades financeiras e que, por tanto, vexa a viabilidade e a necesidade neste proxecto para o conxunto do sistema financeiro español”, explicou.

A titular de Facenda indicou que a Xunta xa non ten competencias no banco, pero si sabe e segue de cerca o proxecto que está realizando a entidade para presentar o seu proxecto ao Banco de España e de obter eses inversores necesarios para poder continuar co proxecto.

En relación á Función Pública, lembrou que o novo Goberno central e a Xunta mantiveron os salarios dos empregados públicos, ao contrario do que fixo o anterior Executivo do Estado, que os baixou un 5%. Así, salientou que, nese senso, “os empregados públicos deben estar tranquilos”.

A conselleira considera que hai que ter confianza, que é un momento moi importante para que todos os cidadáns teñan confianza no seu Goberno e nos gobernos das comunidades autónomas. “Unidos seremos capaces de superar esta crise e, polo tanto, eu si quero lanzar unha mensaxe de confianza, pois xa se teñen pasado moitos tempos difíciles e agardemos que xa queden moitos menos para encarar novamente a recuperación e poder dar ese impulso que neste momento o país necesita y todos necesitamos”, concluíu.

 

También te puede interesar