Comarcas

A Agrupación de Electores de Redondela proporá no vindeiro Pleno que a Igrexa tamén pague a Contribución

A Agrupación  de Electores de Redondela (AER), grupo do que depende a gobernabilidade naquel concello, presentará no vindeiro Pleno do mesmo unha proposición da agrupación local de Esquerda Unida na que insta a que a Igrexa Católica tamén pague o Imposto de Bens Inmobles (IBI). Para xustificar a súa moción, lembra que o 31 de decembro publicouse o Decreto Lei 20/2011, do 30 de decembro de 2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público. Unha das principais “medidas temporais e progresivas”, do goberno de Rajoy en materia tributaria foi o aumento do IBI.

Tamén fai mención do artigo 62 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, onde se fala das exencións do IBI. No punto c di que estarán exentosLos de la iglesia católica, en los términos previstos en el Acuerdo Español y la Santa Sede sobre Asuntos Económicos de 3 de enero de 1979, y los de las asociaciones confesionales no católicas legalmente reconocidos, en los términos establecidos en los respectivos acuerdos de cooperación suscritos en virtud de lo dispuesto en el artículo 16 de la Constitución.”

Esta exención total e permanente da contribución territorial urbana afecta a templos e capelas, residencias de bispos e sacerdotes, oficinas, seminarios e conventos. Como a Igrexa Católica probablemente sexa o más importante propietario inmobiliario do Estado, “este privilexio provoca que as arcas públicas deixen de recadar uns 3.000 millóns de euros, mentres que o aumento deste imposto si vai afectar ao peto da maioría da cidadanía, demostrando unha vez máis que o peso tributario non se reparte de forma equitativa nin xusta”.

Por todo elo AER pide, primeiro: que se inste a modificar o artigo 62 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 e se suprima a exención do IBI nos bens inmobles propiedade da igrexa católica; segundo, que se faga un censo, neste concello, dos bens inmobles rústicos e urbanos que están censados e rexistrados a nome da igrexa católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e asociacións afíns; terceiro, que se inste ao Parlamento Español a que se derroguen (ou se incumpran) os Acordos do Estado español coa Santa Sé, especialmente o de Asuntos Económicos, xa que esta entidade relixiosa incúmpreos, obrigando á autofinanciación da igrexa católica, como se contempla en devanditos Acordos e consecuentemente a iso se elimine do IRPF (imposto da renda) a casa de asignación á igrexa católica; e, cuarto, que se inste ás Cortes Xerais que fagan as modificacións pertinentes na Lei de Facendas locais, na Lei de mecenado e Fundacións e outras normas locais e leis estatais e autonómicas, para evitar inxustificables exencións do IBI e doutros impostos á igrexa católica e a outras entidades xurídicas.

 

También te puede interesar