Ciencia y Tecnología

A Universidade de Vigo embólsase 23 millóns de euros grazas ao I+D

Os expertos din que o I maiúsculo custa cartos, que o que da algo é o i pequeno. Pero ese non é o caso da Universidade de Vigo. Máis de 23 millóns de euros (23.110.847,87€) ingresou a institución viguesa durante o ano 2011 en concepto de recursos externos procedentes da I+D que inclúen tanto os proxectos concedidos aos grupos de investigación; fondos FEDER destinados a infraestruturas e parques científicos e tecnolóxicos; contratos de I+D con empresas; facturación do Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación (CACTI) e actuacións institucionais.

A pesar do recorte experimentado durante o ano pasado nas axudas en convocatorias públicas da Xunta e do Goberno central, a Universidade foi quen de manter e incluso incrementar lixeiramente o nivel de ingresos respecto a 2010, ano no que se acadaron 22. 885.330 millóns de €. Un incremento con respecto a 2010 de 2 millóns de euros a contratación de I+D (contratos con empresas), captou 1,2 millóns en concepto de proxectos institucionais, mentres que os proxectos de investigación europeos medraron en 1,8 millóns de euros. Cifras que segundo o reitor, Salustiano Mato, confirman que “a pesar da caída nas axudas en convocatorias públicas, a institución mantén o tipo e inicia a senda do crecemento”.

Do total dos 23 millóns captados en 2011, os contratos con empresas conformaron a partida máis elevada con preto de 9,5 millóns de euros, seguida dos proxectos de investigación concedidos aos grupos da Universidade que superaron os 8,8 millóns. Mención especial cómpre facer dentro das actuacións institucionais (infraestruturas FEDER e parques científicos e tecnolóxicos) que suman no período 2010-2011 un total de 14,5 millóns de euros, aos denominados proxectos institucionais, procedentes na súa maior parte de achegas destinadas ao Campus do Mar, así como de proxectos destinados a internacionalización, emprego, formación permanente e divulgación científica.

Incremento consecutivo durante tres anos

Con preto de 9,5 millóns de euros foron as actividades de I+D contratadas coa Universidade (contratos, informes e cursos) as que durante o ano 2011 reportáronlle á institución académica os maiores ingresos no global de recursos externos captados. Este volume de ingresos incrementouse a pesar da crise económica nun 32% o último ano, pasando dos 7,2 millóns de euros de 2009, a 7,3 en 2010 para chegar preto dos 9,5 en 2011. Cunha situación económica que segundo Mato “está en estado comatoso” a clave para a Universidade está en “non deixarse vencer polo desalento e traballar arreo para consolidar esta tendencia que hai que consolidar en 2012”.

Os 205 contratos de I+D asinados durante 2011 reportáronlle á Universidade 7,7 millóns de euros, mentres que os 1.468 informes ingresaron 1,6 millóns de euros e os 18 cursos realizados supuxeron preto de 56.500 euros. “A maioría da facturación son contratos de I+D, isto é: resolver problemas que necesitan as empresas e é o que máis repercute no crecemento económico e no emprego para as empresas que buscan na Universidade respostas”, explicou o reitor que aproveitou a súa intervención para reivindicar a figura do funcionario e do profesor universitario.

Por ámbitos, o Tecnolóxico con 7,4 millóns de euros foi no que máis actividades de I+D foron contratadas, seguido do Xurídico-Social con 1,1, o Científico con 895.338 euros e o Humanístico con preto de 56.000. O departamento que concentrou o maior número de actividades de I+D contratadas foi o de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos cun importe de 2.2 millóns de euros, seguido do de Enxeñería Telemática con 1,3 millóns e Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente con 1,2 millóns.

En 2011 foron 15 as solicitudes de propiedade intelectual rexistradas na Universidade de Vigo, 13 nacionais e dúas internacionais. Unha cifra que confirma o ritmo constante que no último lustro acadou a institución cunha media de entre 15 e 20 solicitudes ao ano e que se agarda continúe medrando en virtude á nova Lei de Ciencia aprobada a mediados do ano pasado e que contempla instrumentos que permitirían acadar este fin. Polo que respecta ás spin-off nos últimos cinco anos creáronse ao abeiro da Universidade de Vigo 13 empresas, unha delas no ano 2011. No mesmo período asesoráronse a máis dun cento de emprendedores.

También te puede interesar