Cultura

Galicia acumula un terzo dos topónimos de toda España

Duvi/ Chan da Lagoa, A Pedreira, A Xunqueira, A Cumieira…. está é so unha pequena escolma da riqueza toponímica do campus do Vigo, que ben se podería chamar Campus de Vilariño. A falta de recuperación e protección do nomes tradicionais en toda Galicia fixo que moitos deles estiveren a piques de perderse no esquecemento colectivo substituídos por termos artificiais ou inventados. A Vicerreitoría de Extensión Universitaria decidiu emendar erros do pasado facendo un estudo de recolleita e restauración do patrimonio toponímico do campus vigués da man de Iván Sestay, titulado da Facultade de Filoloxía e Tradución, que xa elaborou entre outros o estudo dos nomes de lugar do concello de Moaña e do barrio vigués de Coia.

A idea xorde, como explica o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, porque é preciso poñer fin á teima de “neo-denominar con nomes ‘inventados’ realidades que teñen nome milenario de seu, chamándolle A rotonda da Bóla, A baixada dos plátanos de Ciencias… á Chan da Lagoa e á baixada ao Lago”. A finalidade é recuperar e volver a empregar nomes históricos que, como mínimo teñen 300 anos, porque a maioría xa estaban no Catastro de Ensenada do XVIII.

Segundo explica Iván Sestay, que realizou este proxecto en colaboración con Xabier Xil Xardón, “o proceso de recollida durou dúas semanas e efectuouse por medio de entrevistas cos nativos de Vilariño e Marcosende, eran as últimas persoas que conservaban o legado de séculos de tradición toponímica ininterrompida”. Por iso, de non ter acometido este estudo “cando eles morresen xa ninguén sabería nada”, puntualiza o vicerreitor, que engade que “se a Universidade non dá exemplo de respecto e potenciación do noso milenario patrimonio inmaterial e material, quen o vai facer?”.

Tipos e densidade dos topónimos e posta en valor

Iván Sestay documentou a presenza dun cento de topónimos. Trátase dunha densidade elevada para ser unha zona montesía provocada, neste caso, pola presenza dunha aldea no seu do campus, o que «humanizou» máis ese territorio. A toponimia recollida é “rica e variada” apunta Sestay. Como é unha zona de monte, abundan os topónimos referidos a accidentes do terreo como Os Cotos (elevacións do terreo) ou A Cumieira (cima dun monte). Pero tamén abundan, por ser unha área pedrosa, topónimos referidos a nomes de pedras e penedos como A Pedra do Lagarto ou A Pedra de Onde Morreu o Home. Tamén hai moitos topónimos acuáticos (Os Lagos, A Lagoa, A Xunqueira…) e incluso algún topónimo referido a certas aves acuáticas como As Galiñolas. Na parte baixa do campus, entorno á aldea de Vilariño, aparecen xa topónimos referidos a terras cultivadas, bosques de carballos, vexetación de ribeira, etc…

Unha vez reconstruído o mapa agora toca divulgalo e poñer en valor os termos recollidos. “O que queremos”, explica Xosé Henrique Costas, “é que a xente xogue cos nomes, que se interesen pola Pedra Onde Morreu o Home, que sitúe a súa facultade no seu topónimo, que os coñeza”. A idea é divulgar o significado, antigüidade e orixe dos topónimos, practicamente todos eles transparentes e de orixe latina. Dende a Vicerreitoría recomendarase a súa utilización e marcaranse sendeiros e vieiros cos nomes, e consideran boa idea que algunha aula ou algún salón das facultades e edificios leve o nome do vello topónimo se este é singular e diferente. Ademais, tratarase de trasladar estes nomes á sinaléctica “para o que estamos en contacto co Concello” e trabállase tamén para que estes datos se inclúan tamén en aplicacións coo Googlemaps, Google Earth ou GPS.

Un terzo dos topónimos da Península están es Galicia

O dato é moi clarificador, un terzo dos topónimos da Península Ibérica están en Galicia. Isto tradúcese en preto de 4 millóns de formas “o que indica que sempre fomos un territorio extensa e densamente poboado desde o paleolítico”, explica Costas. Un exemplo son concellos como Oia, con 9.000 topónimos ou as Illas Cíes, con 600 “marcas da nosa historia, fauna, flora, construcións, crenzas, nomes de propietarios desde a época romana, o que fomos e o que somos”, apunta Costas.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.