Ciencia y Tecnología

Enxeño vigués para reducir os riscos da hipertensión

Cristina Crespo imparte clases no Oregon
Cristina Crespo imparte clases no Oregon Institute of Technology de Estados Unidos.

Duvi/ Considérase a praga silenciosa do século XXI. A hipertensión arterial, unha patoloxía que afecta ao 90% da poboación maior de 65 anos, provoca cambios no fluxo sanguíneo que poden producir lesións orgánicas antes de detectarse a elevación da presión producida polo gasto cardíaco. Pero o maior problema que presenta é facer un diagnóstico correcto dada a súa complexa clasificación. Ata agora. A enxeñeira de Telecomunicación Cristina Crespo creou un novo algoritmo que permite unha clasificación máis axustada do tipo de hipertensión que padecen os pacientes. “Os estudos clínicos feitos indican que usando os métodos convencionais se diagnosticaron incorrectamente ao 14,6% dos pacientes, explica a profesora de Enxeñaría Electrónica do Oregon Institute of Technology.

Trátase dunha enfermidade crónica asociada a taxas de morbilidade e mortaldade moi elevadas, polo que se considera un dos problemas máis importantes de saúde pública nos países do Primeiro Mundo, onde afecta a preto de 1.000 millóns de persoas. Asintomática e con complicacións graves se non se trata a tempo, polo de agora sometíase aos pacientes a unha monitorización ambulatoria de presión arterial, unha técnica automatizada que recolle os niveis cada 15 ou 30 minutos durante un ou dous días que permitiu descubrir que a tensión segue un patrón circadiano e que polas noites pode baixar ata un 10%. Iso é o que permite dividir aos pacientes entre dippers, que teñen un descenso nocturno, e non dippers, “asociados cunha maior frecuencia de eventos cardiovasculares e de danos nos órganos diana”.

Pero determinar os períodos de actividade e descanso só se podía facer poñendo horarios ríxidos, a través dun diario escrito polo propio paciente ou cunha actigrafía, un dispositivo colocado no pulso que axuda a discriminar os ciclos segundo a cantidade de movemento por minuto. O novo algoritmo permite a identificación automática deses períodos a partir das sinais de actigrafía e empregando un filtrado adaptativo baseado en rangos, lóxica de precisión e procesado morfolóxico. Dous anos de estudos de avaliación e de traballo baseados “na recollida de datos e na creación dunha infraestrutura que permitiu realizar estes estudos de xeito máis eficiente. O traballo non sería posible sen os anos previos de investigación na área de hipertensión do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobioloxía da Universidade de Vigo”, resaltou Crespo.

Un acerto do 97%

O rendemento do algoritmo foi posto a proba nunha base de datos con sinais de actigrafía de 48 horas recollidas en 104 participantes voluntarios na Universidade de Vigo: o acerto foi do 97% comparando minuto a minuto coas anotacións dos participantes, un dato moi superior ao resto de algoritmos existentes. A partir de aí comezou un estudo clínico no Centro de Saúde do Lérez con 233 pacientes que concluíu con que o uso deste novo algoritmo pode “resultar nunha mellora do tratamento de hipertensión a nivel individual, xa que pode corrixir os problemas de precisión asociados aos métodos en uso” e elimina as limitacións no caso de usar os diarios dos pacientes. “Cando non se emprega esta nova medida cométense erros de clasificación dos suxeitos en canto ao diagnóstico da hipertensión”, subliñou a profesora.

Patentes para o uso libre

Creado “non só como un exercicio de enxeñaría senón para que tivese aplicacións clínicas prácticas na avaliación do risco cardiovascular”, xa se tramitaron cinco solicitudes de patente ante a United States Patent and Trademark Office que poderían saír publicadas en 2012. O obxectivo é conseguir “que esta propiedade intelectual poida ser empregada por investigadores sen ánimo de lucro de balde e que as empresas privadas poidan adquirir licencias non exclusivas”. De momento xa son varias as entidades que amosaron o seu interese por conseguir un destes permisos, hai varios artigos en preparación para distintas revistas científicas e se incorporará o algoritmo na análise de datos do proxecto Higía. Sen embargo, que o método sexa adoptado pola comunidade científica e clínica precisa “dun traballo continuo que require estudos e publicacións adicionais. En resumo, aínda hai moito traballo por facer”.

También te puede interesar