Galicia

O Poliño feo, inaugura este domingo, na Cidade da Cultura, o II Pequeclassics

O poliño feo, un espectáculo de luz negra protagonizado por monicreques e con música en directo, é a obra coa que este domingo arranca a segunda edición de Pequeclassics, unha iniciativa que trata de achegar a música clásica e a ópera aos máis miúdos a través do xogo e a diversión.

Tras a boa acollida por parte do público de Pequeclassics en 2011, a Cidade da Cultura decidiu seguir apostando por un evento que logrou vender a totalidade das súas entradas nas primeiras 24 horas das catro sesións realizadas, e faino dando resposta a unha das principais demandas dos usuarios: aumentar o número de pases de cada sesión para permitir que máis nenos poidan beneficiarse desta actividade. Deste xeito, todas as obras terán un primeiro pase ás 12:00 e outro ás 17:00 horas.

A primeira cita deste 2012 será este domingo a cargo da compañía Viravolta coa obra O poliño feo, dirixida a menos de máis de tres anos e para a que xa non hai entradas en ningunha das dúas quendas.

O ciclo continuará o domingo 12 de febreiro con Ensalada de instrumentos, un percorrido pola historia da música e as diferentes familias de instrumentos da man de Os Tres Tenedores, un grupo de musicólogos e docentes con ampla experiencia, que introducirán aos nenos na arte de tocar e diferenciar os sons. As entradas para o evento poranse á venda este luns 23 de xaneiro enwww.servinova.com a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.

Esta segunda edición de Pequeclassics prolongarase ata xuño, cunha obra por mes. Deste xeito, o domingo 4 de marzo terá lugar o concerto O son dos metais, o 8 de abril será a quenda da obra teatral Paxaro de lume, o 13 de maio o concerto didáctico Corda e Recorda e o 10 de xuño Érase unha vez a ópera.


 

También te puede interesar