Os traballadores do naval realizaron este martes unha nova acción “en defensa do sector”. Convocados pola CIG, permaneceron durante dúas horas concentrados diante do mercado do Calvario e repartiron información entre os viandantes explicando as graves repercusións que tería para a economía da comarca a desaparición dunha industria que empregou historicamente a milleiros de persoas.
A protesta desenvolveuse entre as 10.30 e as 12.30 horas no paseo do Calvario, fronte ao mercado. Nese tempo, varios centos de traballadores despregaron distintas faixas apelando á defensa do sector e berraron consignas como “Con estes caciques o naval vai a pique” ou “PP, escoita, o naval está en loita”. Ao mesmo tempo realizaron un reparto de folletos informativos entre as numerosas persoas que a esas horas realizaban as compras do día.
No texto pregúntanse que será de Vigo sen o naval e lémbranlle aos veciñas e veciñas da comarca que o sector non está en crise, que non está parado porque non haxa barcos que facer. “O sector naval vigués está paralizado porque o Goberno español, antes do PSOE e agora do PP, non quere solucionar un problema fácil de resolver coa aprobación dunha lei que modifique o imposto de sociedades”, explican. Isto permitiría establecer un novo sistema para incentivos na construción de barcos.
Lembran que isto foi precisamente o que fixo o Estado francés cando a Unión Europea suspendeu o seu sistema de contratación. “Por que o noso sector se atopa así e máis de 10.000 traballadores non teñen emprego?”.
Neste senso, advirten que no caso de que non se solucione este problema de xeito urxente “será demasiado tarde para recuperar un sector vital para a nosa economía”. Nos últimos meses -indican- pecharon empresas como Montajes Coper, Cerdeira, Polytem, Montasa, Monaga, Monesa, Vinacal, Inelvigo, Contsa, Mintucal, Global, Montajes Sampedro e Montajes Tirán. Mentres que en compañías como Tranasa, Monavi, Islas, Gonsusa, Navaliber, e moitas máis, tiveron lugar extincións de contratos.
Diante disto, reiteran as nefastas consecuencias que tería para a economía da comarca a desaparición do sector. “A perda de 10.000 empregos directos afectará tamén ao comercio, á hostalaría, ao transporte, a todos e todas nós”. Finalmente, lanzan unha pregunta a modo de advertencia: “Que futuro de emprego terán as vindeiras xeracións?”.