Cultura Galicia

Os mozos non teñen quen os atenda… televisivamente falando

Duvi/ Se un grupo de adolescentes, ao chegar do instituto, se pusexe a ver algunha canle da televisión pública española, difícil sería que atopase algún programa que lles gustase. Erika Fernández analiza na súa tese de doutoramento a oferta televisiva das canles públicas para unha audiencia infantil e xuvenil, concluíndo que ofrecen contidos para os máis novos, “pero esquecendo atender aos rapaces de entre 13 e 18 anos”. Para esta investigación, Fernández analizou a programación de La 2 entre os anos 2006 e 2008, “única canle que amosou interese por incluír contidos para un público xuvenil que por aquel entón estaba desatendido por todas as cadeas xeralistas, tanto en La 1, Antena 3, Cuatro, Telecinco e La Sexta”. A pesar do esforzo, “a iniciativa non callou e na actualidade a programación que atrae á mocidade está en mans privadas”, explica a investigadora.

Erika Fernández resalta na súa investigación, que recibiu a mención europea, o deber de que tanto La 1 como La 2 atendan a esta franxa de idade, “pois ao ser un servizo público tería que estar garantido a oferta de contidos innovadores e de calidade para todo tipo de audiencias”. Aínda así, recoñece que no período analizado si houbo intentos de ofrecer unha oferta completa, de aí que decidiran orientar a programación da segunda canle de titularidade estatal cara un perfil infantil e xuvenil, “deixando atrás a súa imaxe de canle cultural e de minorías”. Fernández estudou por separado os contidos ofertados para o público infantil e para o xuvenil, destacando que, mentres que o primeiro era atendido nas tres bandas horarias -matinal, mediodía e vespertina- cunha ampla oferta instrutiva e formativa, “o único propósito dos espazos programados para os adolescentes foi o de distraer”. Así mesmo, incluían producións estranxeiras “con series como Buffy Cazavampiros ou Las Chicas Gilmore, moi afastadas dun perfil pedagóxico formativo, engade Fernández. Esta etapa de La 2 chegou ao seu fin no 2010 co apagón analóxico, momento no que a canle volve a á súa orixe, eliminando por completo a programación infantil, que se traslada a Clan TV.

Entre os motivos da falta de contidos para o público xuvenil, a investigadora sinala a complicación que supón ofrecer unha alternativa que sexa atractiva e ao mesmo tempo formativa para estas idades. “Os propios produtores televisivos chegan á conclusión de que resulta moi difícil dirixirse aos adolescentes, tanto pola falta de recursos como pola complexidade das súas personalidades”, destaca a investigadora. A solución, “facilitar máis investimento en investigacións que permitan saber o que verdadeiramente lles gusta ás novas xeracións”, engade Fernández.

As canles temáticas públicas tampouco atinan

Erika Fernández tamén reflexiona sobre a oferta xuvenil das televisións no presente, tras a aparición da TDT e o conseguinte aumento no número de canles. Os contidos infantís que se eliminaran de La 2 pasaron a encher a grella de Clan TV, canle temática pública dedicada en exclusiva aos pequenos. Sen embargo, repítese o mesmo fenómeno descrito, “pois soamente programan unha única emisión ao día para os adolescentes”. Así mesmo, a investigadora engade que a estratexia dos canais de ofrecer unha programación durante as 24 horas do día, “provoca que a grella infantil estea chea de reposicións”.

Ante este panorama televisivo, a investigadora recomenda que os pais e nais non se fíen cegamente dos contidos ofertados polas televisións temáticas, aínda que estes procedan de canais específicos para nenos e nenas. “Antes non existía programación infantil, polo que estabamos alerta de que o cativo non acendese a televisión e puxera Telecinco, pero agora debemos manter a mesma actitude vixiante, porque que exista canles específicas non garante a calidade dos contidos”, conclúe Fernández.

A tese de doutoramento tamén recolle unha comparación de La 2 coa segunda canle de titularidade pública de Portugal, RTP2, na que destaca un comportamento semellante, “pondo máis esforzo no público infantil que no xuvenil”. Sen embargo, a cadea portuguesa conta con un maior número de programas vinculados á cultura e á lingua do país, “unha postura que se espera dunha televisión pública”, explica a investigadora.

 

También te puede interesar