Destacados Vigo al minuto

A Universidade, preto do completo

Duvi/ 3619 estudantes matriculáronse, segundo datos da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), no primeiro curso de cada un dos 52 títulos de grao ofertados este curso 2011-2012 pola Universidade de Vigo nos seus tres campus, un número que se traduce nun 91,4% de prazas cubertas do total de 3824 ofertadas. Respecto do curso pasado, neste período académico rexistrouse un incremento dun 3,2%, e así fronte aos 3503 estudantes matriculados o curso pasado, neste 2011-2012 acadáronse os 3619. “Bordeamos o punto de equilibrio entre oferta e demanda”, asegurou o reitor Salustiano Mato que lembrou o efecto que a adaptación a Boloña está a producir na evolución das matriculacións ao adoptarse un sistema con grupos máis pequenos que fará que “nos próximos anos o datos de matrícula evolucionen á baixa a prol dunha maior eficiencia”.

Por ámbitos foi o Xurídico-Social no que maior demanda de prazas se rexistrou ata o punto que a solicitude de matrícula do alumando superou a oferta de prazas en16 das 22 titulacións (ADE; Dereito; Educación Infantil; Educación Primaria; Traballo Social e Turismo no campus de Ourense; Ciencias da Actividade Física; Comunicación Audiovisual; Dirección e Xestión Pública; Educación Primaria e Publicidade e Relacións Públicas no campus de Pontevedra e Comercio; Dereito; Economía; Educación Primaria e Relacións Laborais no campus de Vigo). No ámbito das Humanidades a demanda superou á oferta en catro das oito titulacións que o integran (Xeografía e Historia no campus de Ourense e Linguas Estranxeiras; Tradución Galego-Inglés e Tradución Galego-Francés no campus de Vigo), mentres que no das Ciencias da Sáude a demanda superou á oferta en dúas das cinco titulacións (Enfermaría no campus de Pontevedra e Enfermaría Meixoeiro).

Nos ámbitos das Ciencias Experimentais e no Tecnolóxico as solicitudes de matrícula só superaron á oferta nunha titulación no primeiro caso (Ciencias do Mar no campus de Vigo) e en dous no segundo (Enxeñaría da Enerxía e Enxeñaría Mecánica, ambos no campus de Vigo).

Máis en Vigo e Ourense

Por campus o de Vigo rexistrou este curso 2085 matriculados nos primeiros cursos dos graos, o de Ourense 841 e o de Pontevedra 693. En relación co curso pasado os campus de Vigo e Pontevedra incrementaron o seu alumnado en 70 e 58 estudantes respectivamente, mentres que o campus de Ourense rexistrou un descenso de 12 matriculados respecto do curso 2010-2011.

Por ámbitos o Xurídico-Social foi o que maior incremento no número de matriculacións respecto do curso pasado rexistrou. Así das 1591 de 2010-2011, pasáronse ás 1835 neste curso. Con 235 matriculados o Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) do campus de Vigo foi o primeiro deste ámbito, seguido por ADE do campus de Ourense con 129, o Grao en Comercio (campus Vigo) con 127 e Ciencias da Actividade Física e do Deporte con 110.
No ámbito das Humanidades a matrículación medrou dos 364 estudantes do curso 2010-2011 aos 370 deste curso. Con 128 matriculados o Grao en Belas Artes foi a titulación máis matricula, seguida de Tradución Español-Inglés con 49 e Tradución Galego-Inglés con 47.En Ciencias da Saúde a matrícula mantívose constante nestes dous cursos con 260 matriculados, sendo o Grao en Enfermaría de Povisa e os do Meixoeiro e Pontevedra os que maior demanda de prazas rexistraron.
En Ciencias Experimentais a matriculación baixou este curso en catro persoas respecto de 2010-2011, pasándose dos 250 aos 246. Ciencias do Mar foi o grao máis demandado con 72 matriculados, seguido de Bioloxía con 60 e Química con 46. No ámbito Tecnolóxico confirmouse un descenso na matriculación pasandose das 1032 prazas cubertas o pasado curso ás 908 de 2011-2012. O Grao en Enxeñaría Mecánica foi o que máis matriculados tivo con 188, seguido de Enxeñaría de Telecomunicación con 139 e Enxeñaría Electrónica con 111.

Case 23.000 alumnos

Lixeiro incremento no número total de estudantes matriculados na totalidade de titulacións que se imparten este curso na Universidade de Vigo, respecto do anterior. A suma do estudantado que neste 2011-2012 está cursando algunha titulación da institución académica viguesa ascende a 22.744, fronte aos 22.325 do curso pasado, o que representa un incremento de 419 e se traduce nun 2% de aumento.

Por campus a matrícula total sube lixeiramente respecto do curso pasado no campus de Vigo, onde se pasa do 60 ao 61,4% e tamén no de Ourense onde se acada case o 21%, fronte ao 20% do curso pasado e diminúe no campus pontevedrés onde do 18% do curso 2010-2011 se pasa ao 17,5% do curso actual. Por sexos o 52% son mulleres e o 48% homes.

 

También te puede interesar