Ciencia y Tecnología Galicia

Os xornalistas, son os ‘Billy el rápido’ das palabras

María del Carmen Méndez con algún dos xornais analizados. Foto: Duvi.
María del Carmen Méndez con algún dos xornais analizados. Foto: Duvi.

Duvi/

A ninguén lle queda dúbida de quen é o inspirador da doutrina política do rubalcabismo. Calquera sabe que estar flasheado é estar sorprendido. Que un furgonetero conduce unha furgoneta; que é un gafapasta; que un zaplanista é partidario de Eduardo Zaplana e, evidentemente todos sabemos que a un viguista lle gusta Vigo. Todos estes son termos habituais na linguaxe xornalística e tamén son todos neoloxismos. Un escolma dos moitos que os xornalistas empregan a diario nos máis de 1217 periódicos de España e Hipanoamérica que Mª del Carmen Méndez analizou na súa tese de doutoramento. A finalidade desta investigación era, segundo explica, “primeiro, constatar as diferenzas da creación léxica entre o español de España e Hispanoamérica; segundo, dar fe de formacións neolóxicas no corpus do estudo; terceiro, confirmar as diferenzas diatópicas e, cuarto e último, comprobar as particularidades da morfoloxía no español da prensa”.  A súa tese ofrece a resposta a todas estas cuestións ademais dun lemario que contén arredor de 3.000 termos, definidos e presentados alfabeticamente onde indica todas as informacións gramaticais e de uso.

A sufixación, o proceso máis produtivo

Entre as conclusións ás que chegou Méndez destaca que é a sufixación o proceso de creación de neoloxismos máis produtivo. “Isto vese claramente en palabras rematas en –ismo, -ista, -ero, etc por exemplo para designar partidarios de partidos políticos” (pepero, fraguista, gadafista…), a creación de palabras é case inmedita, “pola urxencia e pola necesidade de impactar”, explica. Sobre as diferenzas entre o español de Hispanoamérica e o da Península, a investigación conclúe que a linguaxe periodística presenta unha forma similar de crear novas palabras, aínda que a investigadora puntualiza que “o feito de que unha palabra non aparece no dicionario non quere dicir que sexa unha palabra nova, un neoloxismo”. Con todo, a unha e a outra beira do Atlántico aprécianse algunhas disparidades, xa que no español de América se derivan máis siglas e acrónimos (ucabistas: da Universidad Católica Andrés Bello de Venezuela). Ademais adoitan derivar con máis facilidade raíces estranxeiras (jonronear: home run>jonrón>jonronear). Pola contra, os xornalistas españois amosan unha maior resistencia ao inglés. Os temas para os que máis palabras se crean na prensa refírense á política e aos deportes.

Sen obxectividade

Mª del Carmen Méndez apunta tamén nas súas conclusións a importancia da subxectividade neste proceso de creación de palabras. O redactor busca chamar a atención coas súas creacións e, para iso emprega diversas alternativas, pero na toma desta decisión inflúe o propio xornalista. “Non é o mesmo dicir anti-algo que algo-fóbo (cubanófono)”, ou empregar o sufixo –gate para referirse a un escándalo; “o feito de chamar a alguén zapateril ou efepegoso (FPG) denota unha valoración” que, ne moitas ocasións, dan un indicio da liña editorial do xornalista ou do medio de comunicación.

Metodoloxía de traballo

Antes de realizar a parte práctica de análise, Mª del Carmen Méndez tivo ante o si o reto de delimitar e conseguir os 1217 exemplares de xornais que conforman o corpus do estudo. Para iso “escribín cartas e todos os directores dos diarios dos que atopei os datos; moitos deles enviáronme exemplares de xeito gratuíto e outros conseguinos nas miñas viaxes e con estancias investigadoras”. En total 343 diarios de Hispanoamérica e 874 de España de entre os anos 2000 e 2006 que a investigadora analizou para dixitalizar exemplos nunha base de datos na que indicaba toda a información precisa, como o número de veces que aparece a palabra, en que país, etc. Dos 6000 termos e aplicando os criterios tradicionais de recoñecemento de neoloxismos (cronolóxico, psicolóxico, inestabilidade e lexicográfico). Este último é o máis obxectivo e consiste en comparar co Dicionario da Real Academia, pero a investigadora ampliou a comparación a un total de seis dicionarios. Con outros dous criterios máis innovadores a maiores (frecuencia no uso e dispersión de este), a doutora reduciu a lista ás 3000 palabras que conforman o lemario. A partir de aí comezou a fase de análise para extraer os datos que reflicten as tendencias xerais da creación léxica do español.

También te puede interesar