Vigo al minuto

O BNG teme que os alumnos de Artes e Oficios acaben dando clase na rúa como os do Centro de Artesanía

A concelleira do BNG, Iolanda Veloso, manifestou a preocupación do grupo nacionalista polo funcionamento da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), tras a celebración e da ste xoves da primeira xuntanza da Xunta Reitora cando as clases comezaron o pasado 3 de outubro. A edil nacionalista criticou o desleixo do goberno municipal a respecto da EMAO, que ao seu xuízo é “similar” a de outros servizos educativos, como o do Centro de Artesanía Tradicional.

“Igual que o CAT segue pechado e os seus alumnos fan os obradoiros de cestería na rúa Príncipe, moito nos tememos que como as cousas sigan así tamén veremos ao alumnado do EMAO facendo os obradoiros de artesanía na rúa”, alertou Iolanda Veloso. Segundo a concelleira nacionalista, estes dous casos amosan a “falta de xestión e o desprezo polos elementos educativos máis significativos da nosa cidade”.

Como exemplo da situación actual da Escola Municipal de Artes e Oficios, a concelleira explicou que xa se produciron cambios no seu funcionamento, como o aumento do número de alumnos e alumnas sen incrementar as dotacións no caso dos cursos de pintura e artesanía en coiro. Segundo criticou, estes cambios, así como as modificacións horarias, foron transmitidas unicamente por correo electrónico ao profesorado.

Veloso mencionou tamén o caso dunha representante sindical que solicitou o 24 de xuño unha entrevista coa concelleira responsable do departamento de Educación e a día de hoxe aínda non foi recibida e salientou que o funcionamento da Escola é “similar ao funcionamento de moitos dos servizos educativos de Vigo”, nos que o goberno municipal non conta coa comunidade educativa (profesorado, alumnado, nais e pais) e a xunta reitora, nin da conta das súas accións.

Neste sentido, lembrou que na comparecencia da concelleira de Educación na sesión plenaria do 26 de setembro, solicitada polo BNG, para que explicara que medidas tomaría o goberno no inicio do curso escolar, habida conta dos recortes acometidos pola Xunta de Galiza, a responsable do departamento “en ningún momento fixo referencia á EMAO, o cal foi especialmente significativo”.

A edil do BNG tamén lembrou o acto de conmemoración do 125 aniversario da Escola, acto que ao seu xuízo “pasou sen pena nin gloria” e que incluso pode cualificarse de “impresentable”. Segundo sinalou a concelleira, foi convocado dun venres para un luns e “non se contou co profesorado nin co alumnado e a última hora o alcalde cancelou a súa asistencia por problemas de axenda”


 

También te puede interesar