Ciencia y Tecnología Galicia

Vigo participa na carreira espacial co picosatélite da Universidade

Duvi/ Hai tres anos era case un soño e agora é unha realidade. Presentado en sociedade Xatcobeo, o primeiro CubeSat 1U dunha universidade europea que se constrúe con estándares da Axencia Espacial Europea. Traballo estrela dunha das liñas de investigación estratéxicas para a Universidade, o denominado “Vigo Tecnolóxico”, o reitor vigués, Salustino Mato fixo fincapé en que “con Xatcobeo abrimos unha liña de investigación de futuro na investigación e na transferencia desta Universidade” .“É un proxecto fabricable, viable, verificable e xa está completo”, así de satisfeito se amosaba na presentación o investigador principal do proxecto, o profesor Fernando Aguado, que destacou que este tipo de plataformas demostran “que se pode facer ciencia a un custo moito máis reducido”. Coordinador xeral do proxecto, o profesor vigués fixo tamén referencia a que a organización deste traballo foi estremadamente complexa, pois “a aposta diferenciadora da Universidade foi desenvolver a totalidade do proxecto, desde o principio ata o final”, o que supuxo a coordinación de diferentes grupos “de xestión do proxecto, de soporte, de enxeñaría, de calidade, de integración… son unha enorme cantidade de paquetes de traballo que teñen que integrarse para ter un sistema completo”.

Cun custo de 1.200.000 euros e desenvolto en colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa, o xefe da Área de Proxectos Espaciais, César Martínez, destacou que a día de hoxe “o experimento é xa un éxito total e os obxectivos lográronse ao 100%” en referencia á finalidade educacional do proxecto, “pois non nos esquezamos de que naceu para formar estudantes universitarios nun proxecto real de espazo, un mundo ao que normalmente non é doado acceder”. Ao tempo, o representante do INTA, entidade que leva anos apostando por este tipo de plataformas que “permiten facer ciencia e tecnoloxía real no espazo”, referiuse ao Xatcobeo como un proxecto “singular” no que se enfrontou o reto e a dificultade que entraña “desenvolver un sistema espacial completo, que debe ser autónomo e nos debe permitir comunicarnos desde terra e e realizar os experimentos previstos”.

Proxecto transversal

Unhas dimensións de 10x10x10 cm3 e unha masa de 900,7 grs. Estas son as premisas que converten ao XaTcobeo nun picosatélite co estándar CubeSat 1U, o primeiro lanzado ao espazo por unha universidade europea e cunha compoñente educativa moi alta. XaTcobeo ten a súa orixe no ano 2007 cando a ESA puxo en marcha un proceso encamiñado a seleccionar un grupo de CubeSats europeos e a súa posterior inclusión, sen custo, no voo inaugural da lanzadeira europea VEGA. Requisito inicial da convocatoria era que se tratase de proxectos cun marcado marcado carácter educativo e contasen coa implicación do alumnado. Neste sentido, o reitor da Universidade, explicou que “para a institución un proxecto coma este que empeza cun obxectivo educativo pero baseado nun rigor científico de última xeración, achega moitísimos beneficios á Universidade, non só dende o punto de vista da visibilidade senón, sobre todo, na motivación das persoas”.

Segundo explicada Fernando Aguado, trátase dun proxecto “marcadamente multidisciplinar e transversal participando nel 5 grupos de investigación da Universidade, tres deles da EE de Telecomunicación, dous da EE Industrial e un da ESE Informática. En total, máis de 60 alumnos e alumnas, 15 contratados de forma estable, e 32 investigadores de diferentes campus conforman o equipo que vai permitir situar a Vigo á vangarda da investigación universitaria aeroespacial.

O lanzamento

O lanzamento do picosatélite a bordo da lanzadeira Vega está previsto para xaneiro. Previamente, o picosatélite partirá esta semana cara a Holanda, onde terá lugar o proceso de integración final na sede da ESA. Alí permanecerá ata que sexa enviado á Güaiana Francesa para o lanzamento.

Unha vez no espazo, o XaTcobeo permitirá poñer en órbita dous experimentos. Por unha banda unha radio-software, denominada SRAD, reconfigurable en voo, que permitirá cambiar todo o esquema de comunicacións entre o satélite e as estacións de seguimento en terra durante o voo, sen necesidade de modificar fisicamente o satélite. Por outra banda, incorpora un medidor de radiación, denominado RDS, que aproveitará a órbita do XaTcobeo para realizar medicións de como a radiación dos aneis de Van Allen afectan á electrónica embarcada. Ademais destes dous obxectivos, co XaTcobeo espérase poder realizar a validación dun novo mecanismo de despregue de paneis solares. Esta será a primeira vez que se van despregar paneis nun satélite de tan reducidas dimensións e a súa validación permitiría incrementar a potencia destes satélites e as súas aplicacións.

 

También te puede interesar