Galicia Vigo al minuto

Galicia conta só con dous tradutores directos do xaponés ao galego

A tradutora de orixe xaponés Mona Imai.
A tradutora de orixe xaponés Mona Imai.

Duvi/ Sen artigos, sen a precisa conxugación verbal galega, cunha estrutura gramatical totalmente oposta, con tres alfabetos diferentes e cun deles, o Kanji, formado por figuras similares aos ideogramas chinos, cunha lectura complexa e dos que é necesario coñecer preto de 2000 para poder desenvolverse na vida cotiá. Son moitos os aspectos que separan ao xaponés do galego, unhas diferenzas que fan que só dúas persoas se atrevan a traducir directamente as obras de escritores de Xapón á lingua de Castelao: el, Gabriel Álvarez, un licenciado en Tradución e Interpretación de O Carballiño gañador do IV Concurso Literario de Traducións da Universidade de Vigo; ela, Mona Imai, licenciada en Ciencias do Mar no campus vigués, antiga profesora de xaponés no Centro de Linguas e unha namorada de Galicia dende que era unha cativa que foi capaz de convencer aos seus pais para deixar o seu Tokio natal hai xa 17 anos e instalarse na Ciudad de los Muchachos de Bemposta, en Ourense. Pioneiros, eles dous son os artífices de que nas librarías galegas haxa títulos como ‘A casa das belas adormentadas’, de Yasunari Kawabata; ‘Do que estou a falar cando falo de correr’ ou os ecos orwellianos de ‘1Q84’, de Haruki Murakami.

Aínda que cun mercado crecente, a tradución de dous idiomas tan afastados lingüisticamente non tiña precedentes ata o de agora, en parte porque os máis de 10000 quilómetros que separan ambas terras conlevan un choque cultural importante que comeza nada máis coller un libro xaponés na man: a escritura tradicional xaponesa trázase verticalmente de dereita a esquerda, co que a portada do libro está ao final, o que, unido aos ideogramas, fan que “aos ollos dun occidental sexa algo chocante. É como ver a hora nun reloxo dixital e nun analóxico”. Por iso Imai xoga co seu lugar de nacemento como gran vantaxe, a pesares de que nunca se lle pasara pola cabeza dedicarse á tradución “por respecto, xa que implica coñecer ben os dous países. Pero fixen a proba para a editorial Rinoceronte e a sorpresa foi que me gustou e que estaba capacitada. Aí dinme conta de que a tradución fora o froito da miña carreira persoal”.

Un traballo artesanal

Para Imai, galegos e xaponeses teñen moito en común: “contestan a unha pregunta con outra, non se definen e son desconfiados, aínda que cando os coñeces a amizade é para sempre”. Sen embargo, despois de 17 anos en Galicia o que máis lle custa da lingua galega é coller a retranca, o que demostra que “o tradutor ten que dar moito de si, ter experiencia e coñecer o carácter tanto nipón como galego. É imprescindible facer unha tradución literal, pero moitas veces non se chega a entender o verdadeiro significado da palabra nun contexto determinado”. As numerosas formas honoríficas, a diferenciación da linguaxe segundo o sexo, a impersonalidade da sociedade xaponesa, a pobreza en palabras malsoantes… introducen moitos matices que “obrigan aos tradutores a encher os baleiros que deixan as fronteiras culturais” para tentar que no camiño se perda o menos posible.

O manga e o auxe da comida xaponesa axudaron a ir esvaecendo esas barreiras grazas a tópicos que resultan familiares para os galegos e que leva en moitas ocasións a evitar a tradución dalgúns termos para que ocupen o seu propio oco entre os lectores. Pero en moitas outras ocasións as palabras precisan unha breve explicación ou escoller unha verba diferente que sen mudar a súa semántica axude a recrear unha escena o máis parecida posible ao que quixo reflectir o autor. En definitiva, é un “traballo artesanal no que o resultado depende da sensibilidade do tradutor” e no que coa experiencia vaise abrindo a mente e gañando táboas para poder solucionar calquera problema.

También te puede interesar