Galicia

Non é telerrealidade todo o que reluce

Brenda Vázquez.
Brenda Vázquez.

Duvi/ Dende 2008 é habitual atoparse nas grellas televisivas programas que tentan mostrar dun xeito espontáneo o mundo que nos rodea, frecuentemente reportaxes e documentais que mesturan realidade auténtica con realidade dirixida. Este tipo de producións televisivas foron estudadas por Brenda Vázquez La Hoz na súa tese de doutoramento, quen conclúe que existe un novo panorama televisivo “a un prezo moi económico, porque soamente participan dúas persoas, o reporteiro e o operador de cámara”. Co aval da experiencia de ter traballado nos programas Callejeros e Vidas Anónimas, a investigadora afirma que o éxito destes formatos reside “no perfecto equilibrio entre a espontaneidade das persoas correntes e as indicacións do equipo de gravación unido á rendabilidade do formato, aclara.

Como explica Brenda Vázquez, a telerrealidade apela cada vez máis ás emocións, “pero o problema é que non afondan nos verdadeiros conflitos dos cidadáns, polo que a investigadora remata apuntando que este tipo de programas “dirixen a persoas anónimas para que actúen e formen parte do espectáculo audiovisual. Aínda así, a investigadora destaca o carácter reflexivo deste tipo de formatos pois “mostran distintos estilos de vida do home, que captan a atención do espectador para facelo pensar”.

O estudo de Vázquez analiza en profundidade os dous programas nos que tivo a oportunidade de traballar, visualizando cada unha das tempadas de Callejeros e Vidas Anónimas ademais de entrevistarse coa maioría dos membros de cada un dos equipos dos programas. Mentres que Callejeros tenta buscar a proximidade, “cun trato humano e cercano entre os reporteiros e os personaxes da rúa”, Vidas Anónimas, aínda que tamén busca a naturalidade, “trátase dun programa moito máis producido e guionizado”. Son formatos“moi atractivos para os anunciantes no que as televisións traten á audiencia como consumidores en lugar de como cidadáns”, conclúe.

A referencia, nas orixes do cine

No seu estudo tamén recolle que este tipo de reportaxes televisivos non son formatos innovadores, “senón que responden á vontade de informar e de amosar ao home que caracterizou as orixes do cine”. As pezas dos Irmáns Lumiére, o cinema-ollo do soviético Dziga Vertov ou correntes máis recentes como o Cinéma Verité e o Free Cinema “son precursores da telerrealidade”.

Tamén realiza unha análise técnica salientando o emprego do plano secuencia e da cámara subxectiva, “moi importantes para lograr a identificación co espectador e para imitar o transcorrer da vida”. A técnica de edición é ao corte, “para amosar á perfección a naturalidade das gravacións, aínda que evidentemente se empregan numerosos recursos narrativos”. En canto á narración, a investigadora distingue dúas voces, por unha banda, a dos xornalistas “que exercen de narradores presentadores” e que poñen en situación á audiencia, e por outra, “ a dos narradores omnipresentes”, que contan a súa historia en primeira persoa.

También te puede interesar