Cultura Galicia

Para a Unesco, Enrique Orche ben vale un Potosí

Duvi/ Os afundimentos que se están producindo no Cerro Rico de Potosí, un dos xacementos mineiros máis importantes de Bolivia, como consecuencia dunha explotación inadecuada e insostible, está poñendo en perigo a súa catalogación como Patrimonio Natural e Cultural da Humanidade, un título que lle fora outorgado en 1987. Co fin de achegar ideas e buscar unha solución a esta situación, a UNESCO formou unha comisión de seis profesionais de diferentes partes do mundo entre os que se atopa o catedrático da ETS de Enxeñaría de Minas Enrique Orche, apaixonado da minería colonial e profesor de longa traxectoria na participación en distintos proxectos de contido social.

Tras regresar da súa viaxe a Bolivia desta misión internacional que nace co obxectivo de salvar esta emblemática mina colonial da que saíu gran parte da prata remitida a España, explotada dende 1545, o profesor asegura que a importancia de Potosí e da súa prata “reflíctese en que chegou a cambiar a orde económica europea e mundial xa que as moedas acuñadas con este mineral tiñan circulación internacional. Hoxe en día segue sendo un lugar emblemático”.

A nacionalización da minería provocou que os pequenos mineiros de grupos sociais pobres acudiran con explotacións rudimentarias, pouco técnicas e coa mínima seguridade e acabando con 15.000 mineiros explotando o cerro “a un ritmo insostible, o que fai que se produzan afundimentos na mina como o que sucedeu na cúspide, onde hai un cráter de 20 metros de anchura e 50 metros de profundidade“, recoñece Orche. A única solución pasa por un informe feito por estes seis expertos coas alternativas posibles que lle permitan ao Cerro manter o título, o que implica actuar sobre unha minería que xa se atopa nunha situación social complicada.

También te puede interesar