Vigo al minuto

Ferramentas como as de Stephen Hawking, a disposición de discapacitados motóricos

Duvi/ O mellor xeito de explicar a situación dunha persoa con discapacidade motórica e do seu illamento comunicativo é pensar en Stephen Hawking. Pero a diferenza del, a falta de recursos económicos fai que moitas persoas que se atopan na súa situación non poidan dispoñer de ferramentas para responder ás súas necesidades, as necesidades dunha mente en perfecto estado pero un corpo que non é que darlle resposta. Pensado precisamente nunha rapaza que cursa Educación Primaria no CEIP Seis do Nadal de Vigo, un grupo multidisciplinar de investigadores deseñou unha aplicación para tablets que lle permite interactuar coa súa contorna. VirtualTEC, que xa está nas mans desta nena para que o probe durante o verán, é froito do traballo fin de carreira de Jonathan Juncal, enxeñeiro técnico en Telecomunicación na especialidade de Son e Imaxe. A aplicación é unha mostra do óptimo que resulta a colaboración entre dous campos tan dispares como a pedagoxía e a enxeñaría, pero que permite dar repostas dende a Universidade a problemas reais.

Juncal se amosa satisfeito tras a rapidísima adaptación da rapaza á ferramenta, que xa está dispoñible de balde en Android Market. Nos dez primeiros días as descargas xa superan as 240 e o software está instalado en 56 dispositivos, o que amosa a boa aceptación e a necesidade deste tipo de software que, a pesar de estar ideado para unha persoa concreta, resulta de moita axuda para outras moitas. Por iso, en Android Market os investigadores deixaron o seu contacto para que calquera usuario lles poida suxerir melloras ou solicitar adaptacións.

Antecedentes do dispositivo

Este non é o primeiro traballo conxunto desta alianza multidisciplinar entre enxeñeiros e pedagogos, xa que a colaboración ven de lonxe, dende comezos de 2007 veñen desenvolvendo proxectos conxuntamente no eido da accesibilidade. Con anterioridade xa tiñan deseñado unha aplicación para PC’s cun pulsador que empregou esta rapaza durante anos, pero co inconveniente da limitación de movemento que supón un ordenador de sobremesa. Agora traballan na adaptación para Android dun teclado de conceptos ideado inicialmente para Windows.

Como funciona

VirtualTEC instálase en calquera tablet ou teléfono Android, de modo que van pasando pola pantalla as diversas opcións de menú cunha cadencia que determina o usuario, entre 2 e 10 segundos. Para acceder a calquera opción pódese pulsar en calquera punto da pantalla, aumentando os puntos de contacto e a accesibilidade para unha persoa con dificultades de movemento ás que lle sería complicado limitarse a un botón. Permite acceder a letras para construír palabras e frases, a números, a símbolos e smileys, de xeito que o usuario poida expresar de xeito rápido e sintético as súas emocións.

Nestes primeiros días de uso, a nai da rapaza destaca a importancia do menú de Accións Frecuentes, que permite gardar accións máis comúns, por exemplo “teño sede”, sen necesidade de teclear. Outra das vantaxes do teclado é que se pode instalar en calquera tablet sen características especiais e conta con tres idiomas (galego, castelán e inglés) e ofrece un sintetizador de voz, que transforma en son o texto escrito polo usuario. Agora a prioridade é procurar o mellor acomodo da tablet na cadeira de rodas da rapaza o que lle permitirá estar constantemente comunicada cos que a rodean, sen depender de ter preto un ordenador adaptado ás súas necesidades.

También te puede interesar