RGPD - Cookies
Galicia

O segredo para montar unha empresa agóchase tras a C

Duvi/ Cohesión, calidade, coñecemento, compromiso, confianza e colaboración. Esas son as claves para sacar unha empresa adiante, incluso en tempos de crise: as seis ‘ces’ que todo emprendedor debería ter en conta se ten en mente enfrascarse na arriscada tarefa de crear unha empresa e que debe acompañar de talento, traballo e tenacidade. Ninguén o sabe mellor que Josep Lluís Bonet, presidente do grupo Freixenet, unha empresa familiar que conseguiu pasar de ser 25 veces máis pequeno que o seu competidor directo, Codorníu, a case triplicalo en poucos anos grazas á internacionalización. A finais dos 50 “a marca apostou pola súa Carta Nevada. Xogámonola e gañamos e iso foi o que nos deu o músculo financeiro suficiente para abordar a exportación: tratáronnos como a tolos, pero o ano pasado exportamos 150 millóns de botellas de cava a Estados Unidos e Europa”.

Bonet fixo estas confesións durante a mesa sobre emprendemento e universitarios enmarcada no IV Congreso Internacional da Asociación de Jóvenes Empresarios de Galicia, centrado nesta ocasión no networking e a creación de redes e en proporcionar ferramentas de cooperación, marketing en redes sociais e internacionalización aos valentes que queren “autoempregarse e crear postos de traballo”. “Neste momento o que non exporta pásao moi mal. Pero nese proceso a tenacidade é fundamental: a nosa filial inglesa estivo 20 anos perdendo diñeiro, pero dende 1985 non deixou de dar beneficios. O segredo da consolidación pasou pola ambición, estratexias a longo prazo, calidade, competitividade, innovación en todos os eidos, non só no tecnolóxico, ter unha marca, esforzo, risco calculado e moita paixón, que niso os españois temos as de gañar”, recordou.

A practicar, que toca

Tan importante como o emprendemento é a empregabilidade e fomentar as prácticas preprofesionais no tecido empresarial da zona, onde os bolseiros conforman “o complexo vitamínico de todos os emprendedores”, explicou Alicia Lamas, da Área de Emprego da Fundación Universidade de Vigo. O curso pasado, o 76% do alumnado da universidade viguesa fixo prácticas nalgunha das 1000 empresas coas que colabora a institución, “unha aposta de futuro, xa que serve de proceso de selección e axuda a mellorar a capacitación dos futuros profesionais. Aínda que hai que ter en conta que nada máis entrar pola porta non van funcionar como unha persoa con anos de experiencia. Eles a cambio teñen coñecementos, gañas e ilusión”, recordou.

Unha ilusión que puxeron de manifesto os tres universitarios escollidos por AJE Galicia e a Universidade de Vigo para poder coñecer e charlar con Emilio Duró, un dos poñentes estrela do congreso. Os afortunados, elixidos entre os presentados ao Premio Joven Empresario na categoría de Emprendedor, foron Verónica Pichel, Fernando Rascado e José Iglesias, que puideron debater con este prestixioso consultor de empresas internacionais sobre a aventura de pór en marcha un negocio propio.

También te puede interesar