Destacados Vigo al minuto

Vigo e China queren camiñar da man no século dos océanos

Duvi/ Nos océanos está o futuro, un futuro no que o Campus do Mar será un dos mellores aliados. Dentro dese traballo continuo e fundamental de internacionalización, a Universidade de Vigo recibiu esta semana a visita dunha delegación da Universidade do Océano de Guangdong, unha entidade chinesa con 70 anos de historia situada preto de Hong Kong e cun tamaño semellante á viguesa: 22.600 estudantes matriculados, 18 facultades e escolas, 56 titulacións de grao e 15 programas de posgrao, sempre relacionados con algún ámbito mariño.

Un dos eixos centrais da visita da delegación chinesa foi a análise das distintas alternativas existentes para o intercambio, tanto de docentes como de alumnado, así como a participación conxunta en proxectos de investigación e cooperación en aspectos como o uso sostible dos recursos mariños, a xestión integral das zonas costeiras ou o progreso tecnolóxico e a xestión empresarial no eido mariño. Xunto con Brasil, Chile e México, China é un dos países considerados estratéxicos para a internacionalización do Campus do Mar, que ten deseñadas novas liñas emerxentes de investigación e un potente programa de captación de talento deseñado para atraer a 900 novos investigadores. Porque se nalgo coincidiron os representantes de ambas universidades foi en salientar que o s.XXI é «o século dos océanos».

Unha delegación con seis representantes

O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel J. Fernández Iglesias, e o director e o responsable de relacións internacionais do Campus do Mar, Emilio Fernández e Alberto González-Garcés, foron os encargados de guiar polo campus vigués á delegación chinesa, composta por seis representantes: o reitor, He Zhen; o director da oficina de Relacións Internacionais, Li Xuanhai; o director de Asuntos Académicos, An Lilong; o decano da Facultade de Pesca, Jian Jichang; o decano da Facultade de Oceanografía e Meteoroloxía, Zhang Shuwen; e o vicedirector do Instituto de Tecnoloxía dos Alimentos, Ji Hongwu.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.