Deportes Galicia

O deporte tamén xoga no campo do desenvolvemento económico

Duvi/ Para os millóns de espectadores que en maio viron a final da Champions entre o Manchester e o Barcelona o importante era o marcador final. Sen embargo, había en xogo outra cifra cando menos igualmente relevante. Segundo o Informe MasterCard o encontro reportou un retorno de arredor de 369 millóns de euros aos equipos participantes e á cidade que acolleu o partido. Este e outros datos foron analizados no II Congreso Iberoamericano de Economía do Deporte, que reúne en Ourense a expertos de 31 universidades e institucións de cinco países para afondar en cuestións moi diferentes da economía do deporte. Unha economía que, en cifras do Libro Blanco do Deporte de 2007 expostas no congreso, representa na UE a 15 millóns de traballadores e ao 3,7% do PIB, uns 407.000 millóns de euros.

O impacto da crise

“O mundo do deporte evolucionou espectacularmente nas últimas décadas e hoxe en día as vitorias son algo máis que un acontecemento deportivo, son tamén unha actividade económica”, salientou Mª Victoria Jato durante a inauguración. Un visión compartida polo presidente do Comité Olímpico de Portugal, para quen deporte e economía están intimamente ligados e iso sabémolo ben, sobre todo os países onde agora temos problemas económicos graves”. José Vicente Moura puxo así sobre a mesa un dos temas que están centrando o desenvolvemento deste congreso, as consecuencias da crise económica no eido deportivo.

Neste senso, o presidente do Comité Olímpico Español destacou que “nun momento de crise como o actual o deporte ten resultados”, vivindo un momento de esplendor en moitas disciplinas. Sen embargo, advertiu, “ou apoiamos o investimento en deporte ou descenderán os resultados en 4 ou 6 anos”. Para exemplificar a situación Alejandro Blanco explicou como unha empresa que en 2009 patrocinaba máis de 600 eventos deportivos en 2010 só o fixo de algo máis de vinte.

También te puede interesar