Ciencia y Tecnología Destacados

A cidade do futuro constrúese en Finlandia con tecnoloxía viguesa

Duvi/ As cidades do futuro foron imaxinadas por moitos con edificios intelixentes, transportes voadores, comunicacións avanzadas, etc. Toda unha tecnoloxía ao servizo do benestar e da cidadanía que comeza a asomar pouco a pouco na vida diaria, con paradas de autobuses informatizadas, tarxetas polivalentes, detectores de códigos… Estes avances son posibles grazas ao traballo desenvolvido por investigadores e enxeñeiros, chamados agora a presentar as súas ideas máis innovadoras en Finlandia co gallo do 1st International Open Ubiquitous City Challenge, UBI Challenge, concurso no que Vigo xa se fixo un oco.

Un grupo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia lidera un dos catros proxectos seleccionados para a final deste certame que busca ideas para construír un prototipo funcional dunha cidade futura intelixente. O profesor e coordinador do proxecto, Felipe Gil, explica que baixo o nome de RunWithUs, dende Vigo presentouse un servizo creado para motivar á cidadanía na práctica do deporte, para o que se “crea unha rede social na que poden compartir os seus adestramentos e resultados cos seus amigos e competir con eles”.

Un campo de probas de primeira categoría

A cidade de Oulu, na que se localiza a universidade organizadora, é una abandeirada do uso das TIC e conta cunha potente rede WIFI con máis de 300 puntos de acceso. Este concurso insírese no programa UBI (Urban Interactions) que ten como obxectivo busca construír un prototipo funcional de cidade futura intelixente, para o que despregou esta completa infraestrutura por toda a urbe ao servizo da computación ubicua, é dicir, a integración dos sistemas informáticos na vida das persoas, tanto en escenarios particulares como no eido privado.

Tras probar a aplicación nas súas rúas os investigadores explican que é “estupendo poder facelo nun escenario real, con WIFI, Bluetooth, redes de sensores, displays…, non hai moitas cidades así no mundo e permítenos facer probas de validación fóra do laboratorio”. Os usuarios rexístranse en RunWithUs nos displays dispoñibles por toda a cidade e a través da infraestrutura WiFi de Oulu e os dispositivos dotados con WiFi (teléfonos, mp3…) que portan. Os resultados rexístranse incluíndo datos como a duración, a velocidade ou os percorridos e poden tamén compartir rexistros e acceder aos dos amigos, consultando por exemplo as rutas que estes elixen. Outra das innovación reside en que os usuarios subscritos poden consultar cales dos seus amigos están facendo deporte nese mesmo intre.

También te puede interesar