Vigo al minuto

Abel Caballero, alcalde de Vigo: “Só os imbéciles e escuros que non nos entenden chaman a isto localismo”

Trece minutos para agradecementos e poñer os puntos sobre as íes recén recollido o bastón de mando por segunda vez consecutiva. O revalidado alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi o último en tomar a palabra tras a súa investidura, un discurso baseado de novo nos datos recollidos nas urnas, no “aval” dos vigueses a catro anos de administración co apoio “nesta travesía por segunda vez consecutiva”, e nas grandes obras que quedan por diante, facendo especial fincapé nese polémico AVE que nunca chega a Galicia. E sen pelos na lingua.

No que supón “o feito máis extraordinario, emocionante e gratificante da miña vida política, ser reelexido como alcalde” Caballero asegurou que esta nova etapa o goberno asentarase “sobre o diálogo e os acordos, un diálogo perenne disposto ao consenso” co BNG como grupo de referencia para chegar a bo porto. “Con eles fixemos a primeira travesía, por iso hai esa vontade de acordos e de toma de decisións compartidas sen que a cidade vexa ralentizada a súa marcha”, aínda que tamén fixo un chamamento ao PP para chegar acordos “por unanimidade” nos temas de maior relevancia para a cidade.

Unha man tendida aos populares para acto seguido falar de novo deses resultados nas urnas e da “clara mensaxe a Galicia do carácter vigués que reclama un golpe de timón á Xunta, unha mensaxe que esperamos que fora lida polo seu remitente”. “Formulamos a nosa política dende a convicción de que a vella Galicia,  propia dos anos trinta do pasado seculo, que se foi deseñando dende a administración autonómica, centrada noutras cidades, está superada pola realidade dinámica e imparable. A modernidade do seculo XXI é a globalización, a economía, o crecemento e a solidaridade, e eso é Vigo. Por iso un Vigo forte e dinámico que lidere e ocupe a seu espacio nunha nova Galicia mais diversa, é a mellor contribución que todos podemos facer. Só os imbéciles e escuros que non nos entenden, non, chaman a isto localismo. Este novo Vigo que reclama unha nova Galicia na que cada un ocupe o seu espazo e desenvolva as súas potencialidades, constitue o verdadeiro interés xeral de país”, reclamou Caballero.

Obxectivo, a igualdade

Unha igualdade plantexada dende as mesmas oportunidades para todos e dende o tratamento das parroquias e das zonas máis rurais coma se fosen o mesmísimo centro da cidade. As humanizacións neste exemplo non podían faltar. A proposta: gañar a batalla á crise dende as propostas económicas e a innovación, do lado dos principais motores económicos das cidades pero tamén dos propios vigueses con políticas públicas de educación e sanidade, dinamización económica e creación de emprego, vivendas protexidas e a defensa da identidade cultural da cidade.

O exemplo funciona: Vigo é o gran concello de réxime común con menos débeda por habitante de España. “Se os cidadáns están en tempos de sacrificio, o concello aínda máis. Seremos máis austeros nos nosos actos, porque tamén é a nosa forma de vivir. Hai que facer máis cidade e menos partidismo, menos decisións problemáticas e por a Vigo por riba de todo”, rematou.

También te puede interesar